Reclaman máis de 100 novas prazas públicas en residencias de maiores en Lugo

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti reclama ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a creación urxente de polo menos 100 novas prazas públicas en residencias de maiores, ante o que considera unha situación de "grave insuficiencia" de recursos públicos para atender as persoas maiores da cidade.
A organización veciñal sinala que actualmente Lugo conta unicamente con dúas residencias públicas de maiores, a de A Milagrosa e a das Gándaras, mentres que existen arredor dunha vintena de centros privados. Segundo denuncia, ambas as residencias públicas están situadas na zona norte do municipio, o que xera un "desequilibrio territorial evidente" e deixa sen recursos públicos específicos a zona sur, onde reside unha parte importante da poboación.
Desde a Federación consideran que esta situación se traduce en listas de espera, desprazamentos para as familias e falta de recursos para responder ás necesidades da cidadanía. Por iso, reclaman que as novas prazas se distribúan preferentemente na zona sur de Lugo, ben mediante varios centros de pequeno tamaño ou a través dunha única residencia organizada en unidades de entre 30 e 35 prazas.
A organización defende o modelo de residencias de menor tamaño porque, ao seu xuízo, permite ofrecer unha atención "máis humana, próxima e personalizada", evita a masificación e facilita a integración destes centros nos barrios. Ademais, considera que este modelo favorecería o contacto das persoas maiores coa súa contorna e facilitaría os desprazamentos das súas familias.
A Federación insiste en que Lugo necesita centros que respondan a criterios de calidade, proximidade e dignidade, fronte a grandes infraestruturas afastadas do tecido social. Neste sentido, reclama que as novas prazas teñan carácter público e sexan xestionadas desde o público, aplicando criterios de equidade e transparencia.
"Lucus Augusti" sostén que a atención ás persoas maiores non debe depender de modelos privatizados que, segundo sinala, poden priorizar a rendibilidade fronte ao benestar dos usuarios. Por iso, considera necesario avanzar cara a unha rede de prazas públicas "mellor distribuída" e baseada nun modelo de atención "moderno, humano e equilibrado territorialmente".
A Federación lembra ademais que o Concello de Lugo dispón de terreos na zona sur que poderían ser ofrecidos á Xunta de Galicia para facilitar a creación destes novos recursos. Entre as posibles localizacións menciona San Cibrao, xunto ao HULA, Sanfiz e O Carmen.
A organización veciñal considera que estas actuacións permitirían dar resposta ás necesidades das persoas maiores de Lugo e ofrecer ás familias alternativas próximas e accesibles, ao tempo que se corrixiría o actual desequilibrio territorial na distribución das prazas públicas.