Recollen máis dun millón de quilos de residuos durante o San Froilán

LugoXa
Comparativamente, en 2023, cando as festas contaron cun único fin de semana, recolléronse 963.520 quilos de residuos
dispositivo-limpeza-lugo-san-froilan
16 Out 2024

O dispositivo de limpeza especial activado polo Concello de Lugo retirou un total de 1.115.180 quilos de residuos entre o 4 de outubro ás 20:00 e o 14 de outubro ás 5:30. Comparativamente, en 2023, cando as festas contaron cun único fin de semana, recolléronse 963.520 quilos de residuos. Este ano, con dous fins de semana de celebracións, rexistrouse un
incremento do 15,74 % na cantidade de residuos recollidos, o que reflicte a gran afluencia de visitantes que se achegaron á cidade.

"Estamos moi satisfeitos coa eficacia deste dispositivo, que non só permitiu manter a cidade limpa, senón tamén garantir que a actividade diaria puidese desenvolverse con normalidade grazas ao traballo intensivo a primeira hora de cada día," destacou o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández. A cobertura foi ampla, abarcando tanto as zonas máis céntricas, como a Praza Maior, a Praza de Santa María e a Horta do Seminario, así como barrios como Sagrado Corazón e As Gándaras. Este ano, reforzáronse especialmente as zonas máis concorridas, como as casetas do polbo e
as áreas de ocio nocturno, garantindo unha recollida áxil e eficaz dos residuos.

"Un dos aspectos clave deste dispositivo foi a rápida intervención das brigadas de limpeza a partir das seis da mañá, o que permitiu que a cidade se preparase para as actividades do día, mesmo despois das noites de maior afluencia," subliñou Miguel Fernández. O operativo de limpeza contou con medios técnicos e humanos sen precedentes, incluíndo
barredoras de aceras 100% eléctricas, camións cisterna de rego e baldeo, e o sistema VACRI para a recollida eficiente de vidro nas zonas de maior concentración de público. "Este tipo de tecnoloxías non só permiten unha maior eficiencia na limpeza, senón que tamén contribúen a reducir o impacto ambiental das festas," explicou Fernández, facendo referencia ao compromiso do Concello de Lugo coa sostibilidade.

0.20540404319763