Recuperan o Entroido tradicional cun percorrido polas aldeas de Navia de Suarna o 14 de febreiro

A iniciativa levará a festa ás casas de Villarpandín e doutras parroquias cunha ruta en autobús e música en directo
Entroido-Xuventude-do-Navia
2 Feb 2026

A Asociación Xuventude do Navia e Irmandade Naviega organizan este ano, despois de moito tempo, unha actividade para recuperar o Entroido tal e como se vivía tradicionalmente na zona, cun percorrido polas aldeas, visitas ás casas e unha xornada de troula colectiva que terá lugar o vindeiro 14 de febreiro.

A proposta está impulsada coa intención de pasar un día festivo e participativo, reforzando a convivencia e a tradición popular. Nesta edición, a parroquia escollida é a de Villarpandín, arredor da cal se artella a ruta do Entroido.

O punto de encontro será en Navia ás 16:00 horas, desde onde as persoas participantes se desprazarán en autobús facendo paradas en Villarpandín, Virigo, Silvouta e Villaverde. En cada un destes lugares realizaranse baixadas para pasear polas aldeas, visitar ás veciñas e veciños e animar a festa coa música da AC Deiquí, que acompañará o percorrido en todo momento.

Unha vez rematada a ruta polas parroquias, a comitiva regresará a Navia, onde o Entroido continuará cunha ronda polo pobo e polos distintos bares, prolongando a celebración ata a noite.

Desde a organización lembran que o autobús é gratuíto, aínda que as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico da asociación ou contactando directamente con calquera dos seus membros.

⚙ Configurar cookies
0.081969022750854