Regresan este xoves os tractores de toda a provincia a Lugo para protestar polo acordo con Mercosur

Fai unha semana, os gandeiros e agricultores concentrados en Lugo decidiron non continuar coas mobilizacións que mantiñan desde hai dez días na cidade. As organizacións convocantes, Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, respondían así á decisión do Parlamento Europeo de levar o acordo entre a UE e Mercosur ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Este xoves, unha semana despois, están de novo convocados na cidade de Lugo para continuar coas súas protestas. Está prevista unha manifestación, ás 12.30 horas, que percorrerá de novo o espazo entre o edificio da Delegación da Xunta e a Subdelegación de Goberno. Os gandeiros confirmaron que estarán de novo acompañados dos tractores, polo que a Ronda da Muralla volverá a rexistrar problemas de tráfico no tramo da concentración.
No décimo día de protestas, o pleno do Parlamento Europeo aprobou por unha axustada maioría denunciar o tratado UE-Mercosur ante o TJUE, debido ás dúbidas sobre a súa compatibilidade co dereito comunitario. A proposta saíu adiante cunha diferenza de apenas dez votos, unha decisión que foi recibida con satisfacción polos manifestantes concentrados en Lugo, que aínda así esperaron unhas horas antes de tomar a decisión de abandonar a protesta, na que participaron preto de 180 tractores, aínda que naquel momento aseguraron que ían volver.