Remata en Santalla de Lamas un curso de cerámica impulsado polo Concello de Lugo

LugoXa
A iniciativa formativa contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e buscou fomentar a participación veciñal
curso-de-cerámica-Lugo
2 Jan 2026

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, visitou Santalla de Lamas coincidindo coa finalización do curso de cerámica organizado pola área de Participación en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación. A actividade formativa desenvolveuse nas últimas semanas coa participación de veciñas e veciños da parroquia.

Durante o curso, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de iniciarse nas técnicas básicas da elaboración de pezas de cerámica, combinando contidos teóricos e prácticos. A formación abordou cuestións como o recoñecemento dos materiais necesarios, a aprendizaxe dos distintos métodos de creación das pezas e a realización de acabados, permitindo adquirir unha base sólida nesta disciplina artesanal.

Cristina López destacou que este tipo de iniciativas van máis alá da aprendizaxe técnica, xa que tamén contribúen a reforzar as relacións comunitarias. Segundo sinalou, estes cursos axudan a fortalecer o tecido social e fomentan a participación activa da veciñanza, ao tempo que serven como unha ferramenta para apoiar ás asociacións locais e achegar novos coñecementos ao ámbito rural.

0.13780212402344