Remata o curso de restauración de mobles en San Lázaro cunha alta participación veciñal

LugoXa
A Área de Participación destaca a boa acollida da formación e aposta por seguir achegando actividades útiles aos barrios
curso-restauración-de-mobles-barrio-de-San-Lázaro-Lugo
6 May 2026

A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo vén de pechar o curso de restauración de mobles desenvolvido na Asociación de Veciños de San Lázaro, no barrio da Ponte, unha iniciativa formativa que contou cunha elevada participación e cunha excelente acollida por parte da veciñanza.

A proposta estivo centrada na aprendizaxe de técnicas básicas de restauración e conservación de mobles, abordando cuestións como a preparación de superficies, o lixado, a reparación de pequenos danos e a aplicación de distintos acabados. As persoas participantes combinaron contidos teóricos con sesións prácticas, o que lles permitiu poñer en práctica de maneira directa os coñecementos adquiridos ao longo do curso.

A concelleira de Participación, Cristina López, achegouse á clausura da actividade, onde puxo en valor a importancia de promover este tipo de formacións nos distintos barrios e parroquias da cidade. Segundo sinalou, o obxectivo é seguir impulsando iniciativas que respondan aos intereses da veciñanza e que lles acheguen ferramentas útiles para o día a día.

0.13966798782349