Rematan as obras de mellora da eficiencia enerxética no pavillón de Guntín

O Concello de Guntín vén de executar unha actuación de mellora da eficiencia enerxética no Pavillón Municipal, co obxectivo de optimizar o consumo e avanzar cara a unha xestión máis sostible das instalacións públicas. Os traballos realizados incluíron a substitución dos antigos termos por un moderno sistema de aerotermia, a instalación dun depósito acumulador de maior capacidade e eficiencia e a colocación de placas solares que permiten reducir de forma significativa o consumo eléctrico do recinto.
Esta intervención supón un paso importante na modernización do pavillón, xa que permitirá acadar un notable aforro enerxético e económico, ademais de mellorar o rendemento das instalacións e reducir o impacto ambiental asociado ao seu funcionamento.
Desde o Concello quixeron agradecer a colaboración da Xunta de Galicia, cuxo apoio foi clave para facer realidade esta mellora, que contribúe a unha utilización máis eficiente dos recursos públicos e reforza o compromiso municipal coa sustentabilidade e a eficiencia enerxética.