Rematan as obras de modernización integral da avenida Infanta Elena

LugoXa
A Deputación culmina a rehabilitación dos 2,7 quilómetros da vía tras investir máis de 2,4 millóns de euros e abrir ao tráfico o último tramo entre as glorietas de Garaballa e Benigno Rivera
desdobramento-final-Infanta-Elena
19 Dec 2025

A Deputación de Lugo vén de finalizar as obras de rehabilitación do último tramo da avenida Infanta Elena, comprendido entre a glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera, poñendo fin á modernización integral desta vía estratéxica de acceso e saída da cidade polo norte. A actuación completou a mellora dos 2,7 quilómetros de lonxitude da avenida tras unha inversión global superior aos 2,4 millóns de euros, dos que 1,3 millóns corresponderon a este treito final de 456 metros que xa está aberto á cidadanía.

O novo tramo presenta agora dúas marxes de calzada cun ancho de 10,25 metros cada unha, organizadas en tres carrís de circulación por sentido. A marxe dereita incorpora un carril bici de 3 metros de ancho, mentres que as beirarrúas acadan os 4,05 metros a ambos lados, dotadas de arborado, iluminación, bancos e papeleiras. A intervención incluíu tamén a renovación das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público, co obxectivo de garantir servizos adecuados ante o futuro crecemento urbano da cidade.

As obras executadas pola Deputación en colaboración co Concello de Lugo transformaron por completo este acceso á cidade, situado nunha contorna cun importante peso comercial e industrial. Co desdobramento total da avenida, Infanta Elena conta agora ao longo de todo o seu trazado con entre dous e tres carrís por sentido, carrís bici, beirarrúas amplas, iluminación LED, mobiliario urbano e zonas arboradas, mellorando de maneira significativa a mobilidade, a accesibilidade e a calidade dos espazos públicos na zona norte. Trátase dunha actuación necesaria pola elevada intensidade de tráfico diario que soporta esta vía e que terá un impacto positivo no desenvolvemento de futuros solos urbanizables.

Esta intervención enmárcase no compromiso da institución provincial coa mellora da mobilidade, un obxectivo que se reforzou hoxe mesmo coa aprobación, na Xunta de Goberno, da licitación das obras de mellora do primeiro tramo da avenida Adolfo Suárez, entrada de Lugo pola Fervedoira e acceso clave para a futura estación intermodal.

⚙ Configurar cookies
0.064043998718262