Rematan as obras previas á reforma integral da rúa Fermín Rivera en Lugo

LugoXa
A limpeza dos colectores e a retirada das vallas preparan o camiño para a actuación da CHMS, que transformará a vía e a contorna do barrio da Ponte
obras-en-Fermín-Rivera-Lugo
16 Jan 2026

O Concello de Lugo informou do remate das obras previas á reforma integral da rúa Fermín Rivera, que acometerá a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) segundo o protocolo asinado co municipio. Desde o luns, levaronse a cabo traballos de limpeza nos colectores de saneamento, especialmente no treito comprendido entre o Club Fluvial e a Ponte Romana, considerado o máis afectado pola acumulación de residuos.

Estas tarefas finalizaron na tarde de onte, tras o uso de camións de gran potencia para lavar con auga a presión os colectores e proceder á succión dos restos e lixo acumulado. Ademais, introduciron cámaras para comprobar o estado actual das canalizacións, o que permitirá planificar con maior eficiencia e seguridade a reforma integral da vía.

Concluída esta fase, a brigada municipal de sinalización comezou a retirar as vallas de obra, permitindo que os veciños recuperen os espazos de estacionamento en ambas marxes da rúa.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que estas actuacións previas son fundamentais para garantir unha execución áxil e planificada da reforma, que suporá un gran cambio a nivel urbano e fluvial no proxecto deseñado para a contorna do barrio da Ponte.

⚙ Configurar cookies
0.092960834503174