Renovada a dirección sectorial do SLG no Congreso do vacún de carne celebrado en Portomarín

GaliciaXa | LugoXa
María Osorio e Iago Vilar asumirán a responsabilidade do sector durante os vindeiros catro anos cunha folla de ruta centrada nos prezos xustos, a terra, a sanidade animal e o relevo xeracional
Congreso-do-vacún-de-carne-SLG-Portomarín-2026
25 Apr 2026

A Casa da Cultura de Portomarín acolleu o Congreso do Sector do Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), unha cita na que se renovou a dirección sectorial e se analizaron os principais retos que afrontan as explotacións gandeiras galegas.

A gandeira de Becerreá María Osorio foi elixida nova responsábel do sector, mentres que o tamén gandeiro Iago Vilar, de Allariz, asumirá a vicerresponsabilidade. Ambos encabezarán o traballo da organización nos próximos catro anos xunto coas representacións comarcais, tamén renovadas.

O acto foi aberto polo secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, que presentou a mesa do congreso, integrada por María Osorio como presidenta, Iago Vilar como vicepresidente, Diego Sánchez Agra como secretario e María Carmen López Varela como vogal.

Durante a xornada realizouse unha análise da situación do sector nos últimos anos, marcada, segundo a organización, pola incerteza e polas políticas neoliberais que afectan ás explotacións. O sindicato advertiu de que continúan sen resolverse problemas estruturais como o peche de granxas, a perda de superficie agraria útil, a falta de relevo xeracional e o abandono do rural, especialmente en zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense. O SLG lembrou que máis de 15.000 granxas de carne sosteñen boa parte do territorio galego.

No balance da actividade sindical, a organización recordou a denuncia realizada en 2021 pola exclusión das explotacións con menos de 10 vacas nutrices das axudas habilitadas pola crise da COVID-19. Segundo indicaron, só 4.621 explotacións percibiron aquelas achegas das case 19.000 existentes naquel momento. Tamén lembraron a forte suba dos custos de produción e os baixos prezos en orixe, así como a campaña impulsada en 2022 baixo o lema “Polo futuro do sector da carne, polo futuro das nosas comarcas”, con mobilizacións en localidades como Xinzo de Limia, Vilalba ou Betanzos.

No relatorio tamén houbo referencias á situación sanitaria das granxas e ás críticas pola resposta administrativa ante enfermidades como a EHE ou polos protocolos de control da tuberculina, cuestións que, segundo o sindicato, obrigaron a mobilizacións e á paralización de baleirados sanitarios como o de Palleiros en 2024. Tamén reivindicaron o recoñecemento dos danos provocados pola fauna salvaxe nas explotacións.

Nos últimos meses, o sector participou ademais nas protestas contra o acordo entre a UE e Mercosur e contra os tratados de libre comercio, ao tempo que reclamou unha Política Agraria Común (PAC) que regule os mercados e protexa as producións locais.

Outro dos asuntos abordados foi a situación da IXP Vaca e Boi de Galicia. O SLG lembrou que nas eleccións de 2023 ao consello regulador obtivo unha vogalía, ocupada por Samuel Formoso. A organización criticou as propostas orientadas, ao seu xuízo, a industrializar a indicación xeográfica e a restar peso á Tenreira Galega Suprema.

De cara ao futuro, o congreso aprobou unha liña de traballo baseada en reclamar unha Lei da Cadea Alimentaria útil para garantir prezos xustos, impulsar canles curtas de comercialización, reforzar unha PAC con orzamento sólido e defender o acceso á terra agraria fronte a usos especulativos como plantacións forestais, parques eólicos ou proxectos mineiros.

A nova dirección tamén situou entre as prioridades a atención á fauna salvaxe, a sanidade animal, a redución da burocracia e o relevo xeracional. María Osorio advertiu de que a idade media nas granxas deste tipo de produción ronda os 55 anos e subliñou que sen rendibilidade non será posible incorporar xente nova nin fixar poboación no rural. A nova responsábel explicou ademais que tomou o relevo da granxa familiar en 2021, cando impulsou a conversión a ecolóxico, e destacou a importancia de que o sector traballe unido para defender as súas reivindicacións.

0.12007808685303