Renovada a praza da Liberdade de Lugo

LugoXa
A alcaldesa de Lugo inaugura a Praza da Liberdade, un novo punto de encontro para persoas de todas as idades
130722 Praza da Liberdade (2)
130722 Praza da Liberdade (2)
14 Xul 2022

O Concello de Lugo inaugurou hoxe a nova praza da Liberdade. Un acto presidido pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, que describiron este como “un dos espazos públicos máis representativos do barrio, polo que desde o Concello, escoitando aos veciños e veciñas do barrio, quixemos levar a cabo unha intervención para mellorala, e creo, sinceramente, que dende hoxe temos un novo punto de encontro para persoas de todas as idades”.

O investimento realizado foi de “aproximadamente 28.000 euros” sinalou o concelleiro Miguel Fernández, cifra que permitiu actuar nos 305 m2 que ten de superficie. A obra abordou, labores de xardinería e plantación de céspede na totalidade das tres zonas verdes existentes, renováronse os bordos perimetrais e os delimitadores de zonas, lixáronse e pintáronse os bancos e retiráronse as papeleiras actuais incorporando outras, en consonancia coa reforma.

Instalouse, unha nova acometida á toma de auga para a rega, e procedeuse a limpeza das fachadas de edificios lindeiros e medianeiras, principalmente daqueles máis deteriorados ou que teñen sido obxecto de actos vandálicos.

A intervención tamén contemplou a realización dun graffiti, deseñado polos artistas de Concepto Circo. “A arte, como en moitos outros aspectos, convértese nunha boa opción para dar un lavado de cara aos diferentes espazos da nosa cidade” explicaba Méndez.

A obra homenaxea ás persoas maiores, o colectivo máis golpeado durante a pandemia do coronavirus “é unha representación colorida onde podemos ver, como protagonista, a unha muller de avanzada idade que simboliza a importancia que teñen os nosos maiores na sociedade, pero tamén a natureza e o medio ambiente” apuntaba Méndez.

Na inauguración a alcaldesa, animou aos veciños e veciñas a “gozar desta nova praza realizada en tempo récord” que agora está preparada “para o uso por parte tanto dos residentes do barrio, ou de calquera lucense que se queira achegar ata este lugar”.

Con esta nova praza, Lugo continúa humanizando os seus espazos públicos.
Cunha identidade propia e diferenciada, e con novos conceptos urbanísticos e paisaxísticos que redundarán, sen ningunha dúbida, nunha maior calidade de vida nos barrios “a nosa principal prioridade na transformación de Lugo, especialmente dende a chegada da pandemia” finalizaba a alcaldesa.

0.20732307434082