Renovan o asfalto na avenida Breogán
O Concello de Lugo renovará o asfalto en tres vías da contorna da avenida Breogán. A partir da semana do 2 de setembro iníciase a intervención que ten como obxectivo mellorar o estado das vías, que presentaban un importante desgaste debido ao intenso uso.
Arroxo explicou que "continuamos a traballar nas zonas urbanas e periurbanas de Lugo cunha nova actuación que permitirá renovar o firme de tres viais", e engadiu que esta acción segue á renovación integral do asfalto da Avenida Breogán realizada o ano pasado.
As vías que se verán afectados pola renovación son a unión da Avenida Breogán coa N-VI, a rúa Quiroga e a praza Fonte dos Ranchos. Os traballos consistirán na aplicación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que selará o firme ante a acción da auga superficial. Ademais, realizarase a reconstrución do firme en todo o seu espesor para evitar futuros defectos e mellorar a durabilidade da capa de rodadura. Tamén se renovará a sinalización horizontal.
O Concello asegura que se fará todo o posible para reducir as molestias á veciñanza e que as restricións á circulación de vehículos se manterán durante o menor tempo posible. Rubén Arroxo subliñou que estas melloras forman parte do compromiso do Goberno de Lugo de "continuar traballando na mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos", e recordou que nos últimos anos se realizaron diversas intervencións para mellorar os espazos públicos, tendo en conta tanto as solicitudes dos veciños como as visitas ás diferentes zonas da cidade.