Renovarase a Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo

LugoXa
A intervención, que se licita cun orzamento base de 75.000 euros para a Deputación de Lugo, incluirá a renovación das vitrinas, da iluminación e da sinaléctica
Museo-Lugo-provincial
1 Nov 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación do contrato de renovación da Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo da Sala 10 para expoñer de forma permanente o sestercio da caetra e mellorar a protección, conservación e comunicación das outras pezas xa en exposición nese espazo, situado no primeiro andar.

A sala reorganizarase arredor do sestercio da caetra, moeda BIC adquirida en agosto de 2023 pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e dotarase dunha nova museografía, que reforzará o carácter didáctico do espazo expositivo, con imaxes e elementos gráficos sobre a relevancia das moedas desde o punto de vista histórico.

A intervención, que se licita cun orzamento base de 75.000 euros, incluirá a renovación das vitrinas, da iluminación e da sinaléctica, así como a instalación de pantallas interactivas para proxectar imaxes 3D das moedas máis senlleiras para ofrecer unha experiencia inmersiva

Ademais, para enriquecer a experiencia das persoas visitante e fomentar a interacción coa colección, instalarase unha estación táctil e unha máquina expendedora de moedas, que permitirá crear réplicas personalizadas.

O prego de especificacións técnicas incide na calidade e na sostibilidade ambiental das novas pezas e materiais e na accesibilidade universal do seu deseño e disposición.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “coa execución deste proxecto de renovación culminará o traballo desenvolvido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para adquirir e incorporar ao patrimonio público o sestercio da caetra, unha peza de grande valor histórico e simbólico para Lugo xa que a súa cuñación esta ligada á orixe da cidade” e subliñou que “a actuación revalorizará a colección numismática do Museo Provincial do Lugo, que se atopa entre as máis importantes do Estado”.

A licitación publicarase na Plataforma de Contratación do Sector Público, para que as empresas interesadas presenten ofertas. Unha vez formalizado o contrato, a adxudicataria disporá dun máximo de dez semanas para a fabricación e preparación de todo o material, e un prazo máximo de dúas semanas para a subministración e instalación do material.

O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto é peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra, escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal , no reverso. A súa cuñación atribúese a un taller móbil do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo, no século I a.C..

A moeda, declarada BIC en 2022, permanecía en mans dun coleccionista privado ata a súa adquisición por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo en agosto de 2023, nunha aposta por incorporar ao patrimonio público unha peza vinculada á historia da cidade de Lugo e revalorizar a colección numismática do Museo Provincial de Lugo.

Así, xunto ao sestercio da caetra, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo adquiriu en agosto de 2023 un lote de seis moedas, dúas suevas e catro visigodas, de baixa emisión, que amplían e completan a colección, unha das máis importantes do Estado, cunhas 10.000 moedas e medallas de distintas etapas históricas.

0.16599011421204