Renóvase a sinalización do aparcadoiro do Seminario de Lugo

LugoXa
O concelleiro de Mobilidade subliña a utilidade do aparcadoiro público para incrementar a capacidade de estacionamento na zona histórica durante as tardes e fins de semana
sinalización-aparcadoiro-seminario-Lugo
27 Feb 2026

A área de Mobilidade do Concello de Lugo vén de actualizar a sinalización de acceso ao aparcadoiro municipal do Seminario, situado na avenida Anxo López Pérez. Este espazo mantense aberto ao público fóra do horario de atención do Concello, é dicir, de 15:30 a 22:00 horas de luns a xoves, de 15:30 a 00:00 horas os venres e de 10:00 a 00:00 horas durante os fins de semana.

O concelleiro Rubén Arroxo destacou que “son centos de veciñas e veciños os que utilizan este aparcadoiro público todas as tardes, axudando a aumentar a capacidade de estacionamento da zona histórica durante as horas nas que a instalación de outro xeito estaría pechada”.

Arroxo criticou que a Xunta siga sen abrir o aparcadoiro do IES Lucus Augusti, “un espazo que, como o Seminario, podería acoller vehículos e dar un importante servizo á veciñanza durante as tardes e os fins de semana”, e engadiu que “a Xunta podería darlle ao botón e permitir á veciñanza usar esta instalación, como xa se fixo con outras instalacións da cidade”. O Tenente Alcalde lembrou que “o PP margina á cidade de Lugo desde a Xunta de Galicia; hoxe mesmo poderían abrir esta instalación e permitir o seu uso fóra do horario lectivo”.

A solución proposta polo tenente alcalde é similar á aplicada no Seminario Menor: habilitar certas prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados durante o período escolar e permitir o uso público do resto das prazas deste espazo.

0.13396501541138