Renóvase o pavimento da pista do Pazo dos Deportes de Lugo

O pavimento da pista do Pazo dos Deportes está a ser restaurado esta semana mediante traballos de lixado, vibrado e vernizado, nunha intervención que busca mellorar as condicións técnicas e estéticas da cancha.
A actuación inclúe a aplicación de diferentes tons de verniz para delimitar zonas deportivas, así como o pintado da pista e o macizado do perímetro e do círculo central.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitou a instalación para comprobar o avance dos traballos e ratificou “o compromiso da Vicepresidencia coa actualización desta infraestrutura deportiva, na que levamos tempo actuando en diferentes ámbitos, desde a reparación da cuberta ata a renovación da pista, co obxectivo de optimizar o seu uso e ofrecer unha imaxe máis moderna e actual”.
A intervención ten un custo de 20.000 euros e enmárcase dentro dun plan máis amplo de modernización do Pazo dos Deportes e o seu anexo. Nesta liña, o pasado 13 de xuño foi licitado o contrato para dotar o recinto dun novo videomarcador, cun orzamento de 267.000 euros, que permitirá proxectar contidos multimedia de xeito moderno e versátil.
Ademais, continúan as obras de rehabilitación integral da cuberta do Pazo, iniciadas en maio, cun investimento de 600.000 euros. Esta actuación abrangue a impermeabilización dos 8.500 metros cadrados da cuberta mediante unha membrana de poliurea, co obxectivo de garantir a súa durabilidade e funcionalidade.