Rente ao Couce celebra en Becerreá a festa das Letras con música, regueifas e homenaxe a Begoña Caamaño

LugoXa
A xornada Galego Lingua Viva terá lugar o sábado 9 de maio ás 17.00 horas na Praza do Concello con actividades para todos os públicos
Rente-ao-Couce-Becerreá
7 May 2026

A asociación cultural Rente Ao Couce organiza este sábado 9 de maio a partir das 17.00 horas na Praza do Concello de Becerreá a festa das Letras, un encontro que se desenvolve baixo o nome de 'Galego Lingua Viva' e que propón unha programación aberta e variada para todos os públicos.

A actividade conta coa colaboración do Concello de Becerreá e da Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura.

A xornada estará presentada polo escritor local Xesús Trashorras e combinará unha parte máis tradicional, coa foliada a cargo da asociación Courelouzara e Son de Cores, de Becerreá, cun concerto do grupo As Pías, centrado no folk galego de corda.

Ademais, o evento incluirá varias regueifas protagonizadas por xente nova como Nuria Penas e Xairo de Herbón, así como intervencións de poetas e artistas locais, entre eles Andrea Valle, Beatriz Dourado, Eva Teixeiro e Brenda Mourelo, que darán voz a fragmentos de textos de Begoña Caamaño, xornalista e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.

0.13356304168701