Representantes do PP nos concellos reúnense para tratar sobre a suba das tarifas das residencias da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo acusa aos populares de “confundir” sobre as tarifas das residencias provinciais
reunion-prezos-residencias-pp
17 Sep 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha reunión cos representantes do Partido Popular dos municipios que contan cunha residencia da rede provincial da Deputación de Lugo co obxectivo de analizar o impacto da “desmesurada suba” das tarifas por parte de PSOE e BNG e coordinar unha resposta conxunta ante unha medida que está a provocar unha importante preocupación entre usuarios, familiares e veciñanza.

Durante o encontro, o voceiro provincial, Antonio Ameijide, deu conta do crecente malestar que existe nos municipios pola repercusión que terá este incremento sobre as persoas maiores e as súas familias. “As numerosas queixas recibidas nas últimas semanas evidencian que a decisión adoptada polo goberno provincial de PSOE e BNG non responde á realidade económica da provincia de Lugo”, afirmou.

Antonio Ameijide lembra que a actualización das tarifas supón un incremento de arredor do 60%, pasando os usuarios autónomos de aboar 1.080€/mes a 1.750€/mes, mentres que os usuarios dependentes deberán facer fronte a un custo de 2.200€/mes fronte aos 1.390€/mes que viñan pagando ata o de agora.

“Trátase dun incremento absolutamente desproporcionado e inasumible para moitas familias lucenses, especialmente nun territorio cunha poboación moi envellecida e cun nivel de pensións que figura entre os máis baixos de Galicia”, recordou.

Os deputados do Grupo Provincial Popular acordaron cos representantes populares de cada municipio coordinar unha estratexia común para impulsar distintas iniciativas encamiñadas a reclamar unha revisión inmediata das tarifas e a apertura dun proceso de diálogo que permita establecer uns prezos máis xustos e acordes coa capacidade económica das persoas usuarias.

Os populares subliñan que a finalidade da rede provincial de residencias debe ser garantir unha atención de calidade e facilitar o acceso aos maiores que precisan deste servizo, non dificultalo mediante incrementos que poñen en risco a economía de moitas familias.

Os deputados do Grupo Provincial Popular promoverán todas as iniciativas institucionais e políticas ao seu alcance para conseguir que a Deputación rectifique esta decisión e rebaixe unhas tarifas que consideran inasumibles para moitas familias lucenses.

RESPOSTA DA DEPUTACIÓN

O Goberno da Deputación de Lugo mostrou a súa “perplexidade” polas últimas declaracións do PP sobre as residencias provinciais e asegurou que os representantes populares están a promover unha “confusión interesada” sobre a actualización das tarifas dos centros de maiores da institución provincial.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, criticou que o PP, en lugar de defender o plan de novas residencias presentado recentemente pola Xunta, centre as súas intervencións na situación dos centros da Deputación. “Semella que aos membros do PP tampouco lles convence o plan da Xunta”, afirmou Rivera, en referencia á previsión de novas prazas residenciais, das que, segundo o Goberno provincial, case a metade serán de carácter privado e o resto corresponderán a prazas concertadas.

Rivera contrapuxo este modelo ao da Deputación de Lugo, no que, segundo explicou, tanto a propiedade dos edificios como a dirección e a xestión dos centros de atención ás persoas maiores son totalmente públicas. “Fronte a un modelo provincial no que a propiedade dos edificios e a dirección e a xestión dos centros de atencións a maiores son totalmente públicas, a Xunta aposta por residencias concertadas”, sinalou.

Sobre as tarifas dos centros provinciais, o Goberno da Deputación negou que estas aumentasen un 60%. A institución explicou que o custo efectivo dunha praza nunha residencia provincial ascende a 2.358 euros, aínda que ningunha persoa usuaria paga o 100% dese importe.

As tarifas foron actualizadas despois de oito anos sen revisión e establécense en función de diferentes tramos de renda. No tramo máis alto, o prezo máximo que pode chegar a pagar unha persoa usuaria é de 2.200 euros ao mes, aínda que a cantidade final depende da súa capacidade económica.

Segundo os datos facilitados pola Deputación, das aproximadamente 400 persoas que residen nos nove centros provinciais que están actualmente en funcionamento, o 25% viu incrementada a súa tarifa en menos de 60 euros ao mes, mentres que para o 50% o aumento foi inferior aos 200 euros mensuais.

A institución provincial explicou tamén que as tarifas dos centros de maiores se calculan en función do patrimonio líquido das persoas usuarias, tendo en conta a pensión e os aforros. Os primeiros 10.000 euros en cómputos bancarios non computan para este cálculo, ao igual que outro tipo de patrimonio, como os bens inmobles e as fincas.

Ademais, a Deputación sinalou que as tarifas non son cantidades inamovibles, senón que se calculan tendo en conta as variacións que se produzan na capacidade económica das persoas usuarias.

0.17135119438171