Resoltos os premios María Luz Morales
A Deputación de Lugo acolleu hoxe a entrega dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre audiovisual que outorga a Academia Galega do Audiovisual, coa colaboración das catro institucións provinciais. O xurado formado polo crítico e programador Víctor Paz, a produtora e docente Beli Martínez e a investigadora e xornalista Silvia Roca outorgou catro premios e un accésit.
Así, o xurado valorou como Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego o traballo Mamasunción. Na xénese dun novo cinema galego de Manuel Barreiro. Doutra banda, o traballo premiado como mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi A asimilación do "fantástico" nas prácticas da Escuela Oficial de Cinematografía (EOC) de Severiano Casalderrey.
No tocante aos videoensaios, na categoría en torno ao audiovisual galego, o traballo premiado foi Sobrevivir ao tempo (unha mirada sobre Vikingland) de Lara Bacelo e, na categoría internacional, foi Aileen Wuornos presenta: mulleres violentas da posmodernidade cinematográfica de Eire García Cid.
O xurado quiso distinguir cun accésit a O mundo de Norman de Antón Varela.
Na súa intervención no acto, Maite Ferreiro deu os parabéns as persoas premiadas e sinalou a importancia de que "as entidades que representan e vertebran o sistema cultural galego como a Academia Galega do Audiovisual teñan interese en organizar este tipo de actos por todo o territorio, optando por fórmulas rotatorias que permiten visibilizar distintos puntos do país como focos culturais".
Destacou tamén o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo con este certame "que fomenta a investigación en materia audiovisual, incentivando e recoñecendo cunha dotación económica o traballo e a iniciativa de investigadores e investigadoras, e contribuíndo, no colectivo, a crear un corpo teórico en galego sobre o audiovisual.
Estas aproximacións teóricas fortalecen e dan solidez á creación e á produción audiovisual galega. Temos que ter recursos propios cos que revisar o que se ten feito e enfocar o futuro. Especialmente nun sector como o audiovisual, con tantas implicacións económicas e sociais, e tan dinámico, pola súa relación coas tecnoloxías e as comunicacións", concluíu.