Ribadeo acollerá un centro de ocio infantil e xuvenil para este Nadal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
14 Dec 2019

Ribadeo acollerá este Nadal un centro de ocio infantil e xuvenil desde o día 21 deste mes ata o 5 de xaneiro nunha carpa de grandes dimensións instalada na Praza de España. Esta iniciativa , denominada RibaXogo  chega a Ribadeo para animar as vendas e dinamizar o  comercio local no momento onde se produce o maior nivel de consumo das familias. 

Esta iniciativa organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración con ACISA presenta un total de 16 días cunha gran oferta lúdica e de ocio. 

En RibaXogo haberá numerosas atraccións para nenos e rapaces de todas as idades: multicircuíto, simulador de surf, espazo infantil e para obradoiros, rokomonte, barredora wipe out, parede interactiva e Battle area-Nerf, entre outras. Ademais desenvolveranse diversas actividades en días especiais, como visitas de Papá Noel e do carteiro real, futbolín humano, Mini Láser Tag, karaoke, Mascota Disney, xogos xigantes, contacontos, xogos tradicionais, visita do Apalpador, fotomatón con Digitan Chroma, etcétera.  

RibaXogo estará aberto todos os días desde o 21 deste mes ata o 5 de xaneiro, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro. De luns a xoves o horario de apertura será de 17 a 21 horas e os venres, sábados e domingos funcionará ademais de 12 a 14 horas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. 

Os prezos para gozar das atraccións e actividades de RibaXogo son de 3 euros polas mañás e de 5 euros para toda a xornada. Os que presenten tíckets dos establecementos asociados a ACISA Ribadeo terán un desconto do 50 por cento.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, explicou que RibaXogo “é unha iniciativa coa que se pretende atraer a nenos e nenas, rapaces e rapazas de todas as idades porque hai diferentes atraccións e actividades que lles encantan desde os pequeniños ata os máis maiores. Ademais algunhas delas son novas e será a primeira vez que se instalen nesta zona. E todo isto con prezos moi reducidos, aínda máis co desconto que se aplicará aos que presenten tíckets das compras ou consumicións feitas nos establecementos de ACISA”.

A programación de Nadal de Ribadeo completarase co XXV Festival de Panxoliñas, cun curso de iniciación á robótica e outro de programación de móbiles android, co concerto Aquí como en Viena, cos VII Cantos de Nadal e con diversas actividades teatrais a través do programa Apego e coa Cabalgata de Reis.

Vizoso animou “á xente de Ribadeo, pero tamén dos concellos próximos, tanto da Mariña como de Asturias, a que se acheguen á nosa vila durante o Nadal porque a oferta lúdica, de ocio e cultural que van atopar é moi interesante e deseñouse pensando en todas as idades”. 

0.18821382522583