Ribadeo conta con pista de hockei liña
Ribadeo conta con pista de hockei liña, que foi estreada en competición oficial na xornada de onte. Os traballos consistiron na instalación dunha valla perimetral no pavillón pequeno, que está situado na rúa Alfredo Deaño. Xunto ao equipo local xuvenil do Illa Pancha estiveron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, e o responsable de hockei liña da Federación Galega de Patinaxe, Óscar Manuel Romay.
O edil de Deportes explicou que “esta pasada fin de semana, o domingo concretamente, se inaugurou oficialmente a pista de hockei liña tanto para competir como para adestrar. É unha dotación máis para o pavillón pequeno do Concello de Ribadeo, para dar máis versatilidade ao deporte, introducir o hockei liña a patíns e darlle máis cabida. É un deporte minoritario, entón o Concello, dentro das nosas posibilidades e a onde podemos chegar, apoiamos toda a gama de deportes posible”.
O concelleiro nacionalista lembrou que “o hockei liña xa levaba catro anos intentando ter un sitio para competir. Está ubicado no pavillón pequeno e convive con outras actividades como o fútbol sala e o baloncesto”.
Jorge Díaz contou que “o domingo houbo un partido da liga galega de hockei liña, na categoría de xuvenil, entre o Illa Pancha de Ribadeo máis Os Trasnos da Guarda. Nese encontro estivo tamén o presidente do Comité de Hockey Liña da Federación Galega de Patinaxe, Oscar Manuel Romay, estivo ademais o alcalde, Fernando Suárez Barcia, e máis eu”.
O concelleiro de Deportes agara que “esta nova instalación, dentro do que é o pavillón, sexa frutífera tanto para competir como para adestrar, e para que os nenos e as nenas poidan ter outro deporte máis onde, sobre todo, divertirse e formarse”.