Ribadeo contrata o desbroce para previr incendios e lles dá dez días as empresas para presentar ofertas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
12 Ago 2019

O Concello de Ribadeo ven de sacar a licitación traballos de tratamentos preventivos contra incendios forestais de xeito mecanizado para desbroce nas marxes de camiños forestais para un máximo de 90 quilómetros e por un orzamento base de licitación de preto de 23.000 euros.

Estes traballos consisten na roza mecanizada da faixa auxiliar en ambas marxes de vía cunha anchura de 2,5 metros por cada una das marxes mediante pase de rozadora de brazo hidráulico axustada a tractor.

O concelleiro de Medio Rural, Jesús Mundiña, explica que “esta actuación fundaméntase en dúas razóns directamente relacionadas coa seguridade. Por una banda, na circulación de vehículos e persoas por estas infraestruturas aproveitando ao máximo o ancho destas vías e coa visibilidade idónea, e por outra banda, estaría a prevención e defensa contra os incendios forestais, reducindo a vexetación que pode actuar como combustible e creando barreiras á propagación dos lumes”.

O edil ribadense engade que “foi subscrito un convenio inter administrativo  entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Ribadeo para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais cofinanciado parcialmente co FEADER. A achega da Xunta de Galicia a este convenio representa o 26 % do orzamento”.

Mundiña conta que “os posibles licitadores poderán consultar esta oferta na Plataforma de Contratos do Estado (PLACE) e presentar as súas proposicións durante dez días hábiles”.

0.0657799243927