Ribadeo e As Catedrais recibiron a máis de 25.000 visitantes en xullo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
4 Ago 2019

No mes de xullo un total de 25.333 persoas solicitaron información na Oficina de Turismo de Ribadeo e no Punto de Atención de As Catedrais, o que supón un incremento dunhas 500 persoas con respecto ao ano anterior.

Segundo a Concellaría de Turismo “a oficina do núcleo urbano de Ribadeo abriu durante todos os días do mes de xullo en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de 9.668viaxeiros. Nesta oficina o día de maior afluencia foi o 26 de xullo con 491 persoas. No caso do Punto de Información Turística da praia das Catedrais rexistráronse 15.665 consultas. O día de maior afluencia foi o 28 de xullo con 748 viaxeiros atendidos”. 

Desde a Concellaría de Turismo subliñan que “un dato que debemos resaltar este ano, e segundo a información recollida na Oficina de Turismo do centro da vila, é o aumento dos visitantes que nos confirman que dormen en Ribadeo. Así, con respecto ao mesmo período do ano pasado, tivo lugar un incremento do triplo nas pernoitas, chegando a facer noite nos establecementos de Ribadeo o 30% das persoas que realizan consultas na Oficina de Turismo”.

Madrid segue a ser o principal emisor dos turistas que chegan a Ribadeo cun 22%, xunto cos procedentes de Castela e León, Galicia e Andalucía. Euskadi, Castela-A Mancha e Cataluña son as seguintes comunidades autónomas emisoras. O turismo internacional procede, sobre todo, de Francia, Alemaña e Italia, seguidos despois de Reino Unido, Bélxica e Polonia. Desde América sobresaen os estadounidenses e os arxentinos. 

Desde a Concellería de Turismo consideran que “se consolida o turismo estranxeiro. O estatal supón o 88% do total e o estranxeiro o 12% na oficina do centro da vila. No punto de información da praia de As Catedrais o 87,9 é estatal e 12,1% estranxeiro. Podemos dicir que o noso Concello recibiu visitantes de todas as comunidades do Estado Español e no tocante aos viaxeiros estranxeiros achegáronse persoas de máis de 40 países distintos”. 

Ribadeo segue a recibir moito turismo organizado: un total de 71 grupos pasaron polo concello en xullo con 3.409 persoas. Eses grupos tamén acudiron a solicitar información ás nosas oficinas durante este mes. Na Oficina de Turismo da vila rexistráronse uns 29 grupos organizados con 1.392 persoas, mentres que polo Punto de Información Turístico das Catedrais pasaron 42 grupos con 2.017persoas. 

Para a Concellaría de Turismo “os datos mostran, que o Camiño Norte colle cada vez máis relevancia conforme pasan os anos. Desta maneira moitos camiñantes escollen esta opción para realizar a peregrinación a Compostela. Producíndose desta maneira un incremento dos mesmos con respecto a anos anteriores. Dun tempo a esta parte, é habitual atoparmos con camiñantes polas rúas do centro da vila.

XEORUTAS. Neste mes de agosto a Área de Desenvolvemento Local, Economía e Turismo do Concello de Ribadeo organizará percorridos guiados (Xeorutas) a través dos que se poderá descubrir o seu importante patrimonio natural. 

Estes roteiros comezarán ás 11.00 horas e terán unha duración aproximada de 3 horas. Serán de balde e as prazas estarán limitadas. Para formalizar a reservas poderán facelo na Oficina de Turismo de Ribadeo ou chamando ao 982 128 689.

Desde a Concellaría de Turismo explican que “se trata dunha serie de Xeorutas, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos coma o importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da mariña lucense”. 

Haberá dúas Xeorutas:

-A Xeoruta dos Pregues, onde se descubrirá unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña Lucense, o gran pregue que se estende dende a Ría de Foz a de Ribadeo. Esta terá lugar os xoves 8 e 22 de agosto e mércores 14 de agosto.

Punto de encontro: na área recreativa da Areosa (Piñeira). Coordenadas: 43.556003, -7.064298

-E a Xeoruta dos Ollos, para saborear os tesouros xeolóxicos e gastronómicos do treito litoral do fermoso pobo mariñeiro de Rinlo. Esta desenvolverase os luns 12, 19 e 26 de agosto. 

Punto de encontro: praza de Santa Catarina en Rinlo. Coordenadas: 43.556618, -7.103334

 

0.17230892181396