Ribadeo e Sogama organizan un programa de compostaxe doméstica

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 sep 2019

O Concello e Sogama organizan un novo programa de compostaxe doméstica. Haberá unha charla e a entrega de composteiros o 30 de outubro na Casa do Mar. 

Desde a Concellaría de Medio Ambiente explican que “despois da experiencia vivida en anos anteriores, grazas novamente á colaboración de Sogama, ponse en marcha unha edición máis do programa de compostaxe doméstica en Ribadeo, unha actividade dirixida a vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, hortas ou terras de cultivo, a través da cal se explicará con detalle o proceso de fabricación do compost a partires dos residuos orgánicos xerados nos seus fogares, obtendo un abono de alta calidade que poderán utilizar nas súas propiedades”.

Medio Ambiente subliña que “os fogares participantes recibirán un composteiro e un manual de autocompostaxe, á vez que un mestre composteiro encargarase da instrución necesaria mediante unha charla, cuxa asistencia é vinculante á hora de recibir o material, así como non ter participado en pasadas edicións. A charla será o vindeiro 30 de outubro de 2019 ás sete da tarde no salón de actos da Casa do Mar, sita na rúa Clemente Martínez Pasarón, s/n. Nese momento será no que se fará entrega dos composteiros”.

Desde a Concellaría de Medio Ambiente sinalan que “a conferencia será aberta a todo o público, pese a que non participen nesta edición do programa de compostaxe doméstica, podendo servir tanto de reforzo para os participantes doutros anos como para resolver as dúbidas de calquera outro veciño que teña interese neste materia”.

Serán 30 os composteiros que se repartirán. As vivendas interesadas en participar poderán solicitalo no Concello de Ribadeo, contactando coa Área de Medio Ambiente, vía telefónica a través do 982 120701 ou por correo electrónico a sostibilidade@ribadeo.org.

E engaden: “desta maneira preténdese reducir a xeración de residuos, pechando o ciclo de recuperación e reciclaxe de materia orgánica en orixe, o que evitará o seu depósito nos contedores convencionais, alcanzando importantes beneficios ambientais e económicos, conseguindo deste xeito nutrientes necesarios para que se podan desenvolver os vexetais nas nosas terras”.

0.19778203964233