Ribadeo organiza un guateque dos anos 60 e 70 para o 24 de agosto

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
16 Aug 2019

A música e a moda dos anos 60 e 70 encherá de son, de luz e dun ambiente vintage o parque de San Francisco o vindeiro 24 de agosto. Alí vaise celebrar a partir das 20:00 horas o Guateque, que organizan a Comisión do Entroido, o Concello de Ribadeo e Acisa Ribadeo. O obxectivo é recadar fondos para o vindeiro carnaval ribadense. 

Ás oito da tarde dará comezo ese Guateque dos anos 60 e 70 no que haberá comida e bebida para pasar unha tarde noite do máis agradable. A cita estará amenizada con música dos anos 60 e 70. Os organizadores subliñan que “é unha boa forma de despedir practicamente o mes de agosto en Ribadeo. O Guateque é unha cita moi bonita pola que hai moita xente agardando. E ademais é unha maneira de colaborar co Entroido ribadense”. 

Xunto a Acisa, ao Concello e á Comisión do Entroido colaboran un grupo de persoas amantes do Carnaval ribadense “que sempre están dispostas a botar unha man, para que tanto o Entroido como o Guateque resulten o mellor posible”.

Os organizadores animan “a acudir a esta tradicional cita caracterizados para a ocasión e coa finalidade de darlle moita cor e moita ledicia ao 24 de agosto en Ribadeo”. 

0.18607711791992