Ribadeo prepara varias actividades de Nadal
O Concello de Ribadeo prepara varias actividades de Nadal, que comezarán o día 21 na igrexa parroquial ás 20.00 co XXV Festival de Panxoliñas organizado pola Coral Polifónica de Ribadeo.
O día 28 ás 19.30 será a VII edición dos Cantos de Nadal na praza da Fontenova, e ás 20.30 horas no auditorio municipal haberá un concerto da Banda de Música de Ribadeo co título Aquí como en Viena.
O día 30 ás 17.30 horas no auditorio dará comezo dentro do programa Apego, o concerto de As Maimiñas, que son un dúo integrado por dúas profesoras de música, Lucía Lago e Irene Álvarez, Mai e Miña. As cancións que cantaban aos seus propios fillos e as invitacións para acudir aos colexios destes foron a semente da carreira artística, así, nos seus espectáculos combinan as cancións e os contos e defenden de forma activa a educación dos pequenos en galego.
Xa en xaneiro, o día 3 ás 20.30 horas na Casa do Mar será a presentación da publicación de manga Urara a cargo das autoras Laura Rodríguez e Laura Fernández chamadas Ran e kuroHaine.
O día 4 voltará o teatro coa obra O cachopo máxico a cargo da compañía Lila Teatro.
O día 5, as rúas de Ribadeo acollerán a Cabalgata de Reis que rematará na casa do Concello, onde Melchor, Gaspar e Baltasar farán unha ofrenda ao Belén e charlarán cos pequenos.