Ribadeo someterá a aprobación a proposta para nomear a Luz Pozo Garza como filla predilecta

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O vindeiro luns, 30 de decembro, terá lugar un pleno extraordinario no Concello de Ribadeo.
26 Dec 2019

O vindeiro luns, 30 de decembro, terá lugar un pleno extraordinario no Concello de Ribadeo. Na sesión someterase a aprobación a proposta de nomeamento de Luz Pozo Garza como filla predilecta de Ribadeo; a modificación da RPT en relación a tres postos de traballo; e a declaración como Inversións Financeiramente Sostibles para unha serie de actuacións realizadas ao longo do ano.

O alcalde, Fernando Suárez, aludiu ao argumentario defendido pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, sobre a proposta de nomeamento de Luz Pozo Garza como filla predilecta de Ribadeo, e no que se destaca “a súa incuestionable calidade literaria” así coma “a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”. O rexedor dixo que “tras esa proposta eu mesmo, como alcalde, convoquei a Comisión Informativa previa ao Pleno, onde se deu conta da mesma. Nesta comisión obtívose un ditame que foi votado por unanimidade dos grupos municipais (BNG, PP e PSOE). Agora o asunto irá a este Pleno e, de ser aprobado, haberá que convocar un segundo pleno extraordinario singularmente para o acto de recoñecemento formal”. Esa segunda sesión celebrarase presumiblemente ao longo do vindeiro mes de xaneiro de 2020.

Outro dos asuntos que se abordarán no pleno do luns será unha modificación puntual da RPT municipal: “en concreto para tres postos. Un deles, o bedel dos centros municipais, para precisar un pouco mellor o alcance das súas funcións. As outras dúas son relativas a postos da área de intervención que, por xubilación das persoas que os desempeñaban, aproveitamos agora para definir mellor as súas funcións, toda vez que a redacción das funcións  nalgún caso non estaban adaptadas á realidade do que estaban a desempeñar. Logo, nun caso destes concreto, proponse eliminar ademais o Complemento ED (ou Especial Dedicación) coa consecuente redución de emolumentos. Esta práctica levámola facendo nestes últimos anos, para todas aquelas prazas que tiñan este complemento, unha vez que se van xubilando os titulares das mesmas”. O alcalde contou que “nestes puntos aprobouse un ditame na Comisión Informativa Previa que foi unánime dos tres grupos municipais”.

E o terceiro asunto que se analizará na vindeira sesión plenaria extraordinaria será “o da Declaración como Inversións financeiramente sostibles para unha serie de actuacións que fomos facendo ao longo do ano, pero que é necesario facer esta declaración para poder utilizar os remanentes de Tesourería existentes para poder financialas. Este é un trámite ordinario, pero necesario de ser feito antes do remate do ano natural”.

O pleno dará comezo ás 20.00 horas. 

0.1204149723053