Ribadeo subiu a taxa da auga tras case dez anos sen subir e descendeu o IBI e o lixo
O Concello de Ribadeo aprobou, no pleno ordinario celebrado onte, un incremento do 7,2% para a taxa da auga e do saneamento en 2020, xa que non se subía desde o 2011. Ademais o vindeiro ano baixará nun 7% a taxa da recollida de lixo e o IBI descenderá tamén un 8% con respecto a 2018. No capítulo de mocións foi rexeitada unha do PP sobre a creación dun plan de residuos. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o seu equipo de goberno traballa nunha nova ordenanza de medio ambiente. Tamén foi aprobada, por unanimidade, unha proposta do PSOE para demandarlle á Xunta a reposición do segundo técnico de ambulancia para A Mariña. Ao inicio do pleno gardouse un minuto de silencio pola muller asasinada hai uns días en Foz.
O rexedor ribadense explicou que “previamente ao inicio do pleno mantivemos un minuto de silencio toda a Corporación por mor do asasinato desta rapaza no concello veciño de Foz, polo que toda a cidadanía da Mariña penso que estamos consternados por ser unha máis das moitas vítimas que por motivos diferentes de violencia de xénero acaban falecendo un día si e outro tamén”.
Suárez Barcia referiuse ás taxas e impostos municipais: “en canto ás modificacións das ordenanzas de auga e de saneamento foi aprobado o incremento xusto que determinan os contratos de concesións administrativas, que proveñen do ano 1998, polo que o IPC acumulado desde a última suba, é dicir desde o ano 2011 ata actualidade, ascende ao 7,2%. Estes recursos, que exceden o déficit que existía na retribución que tíñamos obrigada á concesionaria, serán utilizados para ir facendo melloras no ciclo integral da auga, aínda que confiamos que outras administracións con competencia na materia tamén aporten honestamente o seu compromiso económico, desde a magnitude da obra que hai pendente e que afecta a máis dun concello, como é o caso da traída de Ribadeo e máis de Trabada”.
O alcalde engadiu que “aínda que con conceptos diferentes no recibo de cada abonado, tamén vai vir reflectida unha baixada de prezos de aproximadamente o 7% no apartado de recollida de lixo, despois de que o Concello de Ribadeo se adherise a unha posibilidade que abriu a Sociedade Galega do Medio Ambiente de bonificarnos o canon que nos cobra por tonelada de lixo que entregamos cun 10% de bonificación, sempre que fixésemos actuacións de reciclaxe, que fomos facendo, e sempre tamén que a baixada fose repercutida nos abonados como así estamos a facer. En todo caso hai que lembrar que esta mesma Sogama aplicounos aos Concellos asociados a ela hai catro anos unha suba salvaxe de máis do 30% no prezo da tonelada e desde o Concello de Ribadeo, por designación municipal, nunca trasladamos esa suba aos abonados”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “tamén foron actualizadas igualmente as tarifas da piscina municipal de Ribadeo no IPC interanual desde o ano pasado, o cal vai supoñer o 0,1%, como tamén quedou aclarada a redacción da ordenanza do IBI, do imposto de bens e inmobles de natureza urbana, na que queda fora de toda dúbida que o IBI para o ano que ven, para o ano 2020, quedará estabilizado nun 8% menos que en 2018, é dicir, igual que en 2017 e 2016”.
MOCIÓNS. No capítulo de mocións o rexedor dixo que “foi rexeitada unha moción do Partido Popular sobre a creación dun plan de residuos porque en Ribadeo, con todas as melloras e consideracións que poida haber, xa contamos con numerosos plans, tanto de limpeza viaria, de recollida selectiva, de cartón, de cartón porta a porta, de plásticos agrícolas, de vidro, mesmo de aceite vexetal, de pilas, etc… E a día de hoxe os Concellos temos un desafío ao que a Xunta aínda non deu resposta, que é como se van xestionar os residuos orgánicos dos contedores marróns, eses contedores que as normativas europeas din que hai que implantar en poucos meses, e que desde os Concellos da Mariña e da provincia non podemos facer porque Sogama non nos dá de momento unha alternativa para depositar eses restos orgánicos. Con todo, traballamos coa satisfacción de ver como cada vez se recicla máis en Ribadeo e tamén, como sempre nos gusta mellorar, xa estamos traballando nunha nova ordenanza medioambiental”.
O alcalde engadiu que “tamén se aprobou, cos votos do Bloque e máis do PSOE, unha moción para pedirlle ao Parlamento galego que lexisle dunha vez medidas reais efectivas para que revertan esta sangría demográfica que está a sufrir o noso país, cada vez somos menos, cada vez somos máis vellos, e o talento da xente nova estase a ir a gavelas para outros lugares, para outros países, e o que leva aquí gobernando na Xunta durante case todo o tempo en democracia non está a facer máis que brindes ao sol. Igualmente aprobouse, por unanimidade, unha moción do PSOE para pedirlle á Xunta a reposición do segundo técnico de ambulancias na Mariña, proposta que nos interesa moito para reforzar a precaria situación da sanidade pública. Aquí é chamativo ver que neste caso o PP vota con nós para non complicarse a vida, pero o mesmo partido no Parlamento galego vota isto en contra. Finalmente atendéronse varios rogos e varias preguntas onde eu mesmo e os meus compañeiros de goberno fomos respondendo sen agardar á seguinte sesión”.