Rodil defendeu en Ribadeo unha tarifa eléctrica galega que abarate os custes
O prezo da luz para familias, explotacións gandeiras, autónomos e pequenas empresas centrou o acto público que o BNG celebrou esta tarde no Parador de Ribadeo.
A candidata nacionalista Olalla Rodil expuxo a necesidade dunha tarifa eléctrica galega que, ademais de manter os empregos en industrias electrointensivas como Alcoa, abarate o recibo da luz que pagan o conxunto das galegas e dos galegos.
“Lonxe de beneficiarnos do caracter produtor e exportador de enerxía eléctrica de Galiza, a partir deste mes de novembro as galegos a os galegos pagaremos a factura da luz máis cara do Estado español”, explicou Rodil.
“Teremos que asumir as consecuencias dunha reforma legal aprobada polo Partido Popular que obriga ás persoas consumidoras e non ás electricas a pagar os gravames autonómicos de carácter medioambiental, uns 38 millóns de euros”, detallou a candidata ao Congreso que contrapuxo o incremento do recibo en Galiza , 19,70 euros ao mes aos 0,32 e 0,57 céntimos que subirá en Catalunya ou Madrid.
“O BNG reclamará no Congreso unha tarifa eléctrica galega a través da rebaixa do custe nas peaxes de transporte de enerxía para aqueles territorios que, coma Galiza, son grandes produtores e exportadores”, comprometeu a candidata nacionalista.
Un marco enerxético propio, acorde coa condición de país productor e excedentario, poderí supor unha rebaixa dun 30 por cento nos recibo da luz que pagan familias, autónomos e pequenas empresas.
“Unha representación forte no Congreso dos Deputados a partir do 10 de novembro garantirá que estas propostas entren na axenda política do Estado da que Galiza ficou ausente nos últimos anos”, observou Rodil, que puxo como exemplo a tarifa específica negociada por Euskadi.
Durante a súa intervención, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, remarcou a inxustiza que supón a situación para Galiza “Xa o decía Castelao hai 80 anos: Mexan por nos e hai que decir que chove. É terrible que non haxa unha forza política en Madrid que loite contra esta inxustiza. Os que están alí, están a outra cousas. Para eles, o noso país é sinónimo de xente conformista e marisco barato”, ironizou.
Na mesma liña, a responsable comarcal do BNG e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, remarcou a necesidade de que o BNG teña voz propia no Congreso “Un territorio coma este con tantas pequenas empresas e persoas autónomas veriase moi beneficiado por unha tarifa competitiva”, asegurou.