Ronald Baroni presenta a Adrián Raguza como director xeral e a Javi Recio como director deportivo

O novo presidente do Club Deportivo Lugo, Ronald Baroni, presentou oficialmente este martes o novo organigrama deportivo da entidade albivermella, que liderarán Adrián Raguza como director xeral e vicepresidente, e Javi Recio como director deportivo. Ambos chegan ao club para impulsar un proxecto renovado, cun enfoque estratéxico e ambición de crecemento.
Raguza, con ampla experiencia na xestión empresarial e na planificación estratéxica, estivo vinculado nos últimos anos ao ámbito deportivo, desempeñando funcións directivas no histórico Rosario Central da Arxentina. Pola súa banda, Javi Recio (Madrid, 1972) achega unha longa traxectoria na dirección deportiva en clubs profesionais tanto en España coma no estranxeiro.
Na súa comparecencia, Recio deixou claro que o primeiro paso será a elección dun novo adestrador que encaixe no perfil do proxecto deportivo que están a construír, explicando que Álex Ortiz pode ser unha opción, pero que "hai que valoralo" e, se non, podería seguir formando parte da canteira.
Ademais, a súa intención é manter unha base de xogadores para garantir continuidade, aínda que tamén será preciso incorporar novas pezas para fortalecer o equipo. “Comeza un proxecto novo, pero cando o balón empece a rodar veremos se realmente podemos ilusionarnos”, sinalou o novo director deportivo.
Tamén puxo en valor a canteira, xa que el traballou e xogou nela. Así, dixo que "a canteira conleva moito traballo e queremos formalos para poder contar con eles no primeiro equipo, pero tamén para poder vendelos", destacou.
Pola súa parte, Raguza destacou que o obxectivo deste ano é "o ascenso" e di que "temos que modernizar todas as áreas para poder chegar á meta a nivel deportivo, pero tamén sabendo a importancia da entidade socialmente na cidade. A idea é recuperar ese sentimento de estar orgullosos de Lugo e poñer á cidade no mapa e queremos facelo con todos, coa afección, que volva ao estadio e que a institución represente ese orgullo de pertenza. É importante a nivel institucional no mundo, por iso é tan importante traballar por modernizar o club".