Rosa Moledo e os presentadores dos Mestre Mateo protagonizan un encontro co público en Lugo

LugoXa
Trisha Fernández e Federico Pérez participaron nunha conversa coa Premio de Honra desta edición nun acto aberto celebrado no Vello Cárcere
encontro-Premio-de-Honra-Mestre-Mateo-Rosa-Moledo
6 Mar 2026

Lugo acolleu un encontro aberto ao público celebrado no Vello Cárcere no que participaron os presentadores da gala dos XXIV Premios Mestre Mateo, Trisha Fernández e Federico Pérez, xunto coa Premio de Honra desta edición, Rosa Moledo. A cita permitiu ás persoas asistentes coñecer de primeira man ás protagonistas e protagonistas da gala que cada ano recoñece o mellor do audiovisual galego.

Durante o acto, os dous presentadores mantiveron unha conversa con Rosa Moledo, distinguida nesta edición co Premio de Honra Fernando Rey. O encontro serviu para repasar a súa traxectoria profesional e achegar ao público o traballo que se realiza detrás das producións audiovisuais.

A Academia Galega do Audiovisual decidiu concederlle este recoñecemento pola súa carreira de máis de trinta anos como asesora lingüística e tradutora, cunha extensa vinculación co sector audiovisual galego. A entidade destacou especialmente o seu rigor no uso da lingua, o seu compromiso coa promoción do galego e a súa achega á calidade das producións de cinema, televisión e plataformas audiovisuais.

Ao longo da súa carreira profesional, Moledo participou na tradución e adaptación lingüística de numerosos títulos para cinema e televisión, entre eles A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, Cela 211, Engurras, Os fenómenos ou O noso último verán en Escocia, entre outros.

A concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, destacou a relevancia de que a cidade acolla actividades relacionadas cos Premios Mestre Mateo e sinalou que “este encontro permitiu achegar ao público lucense ás persoas que están detrás da gran festa do audiovisual galego, coñecendo de preto o seu traballo e a súa traxectoria”. A edil tamén subliñou que “contar coa presenza de Rosa Moledo, unha profesional cunha carreira tan destacada e comprometida coa lingua galega, é unha oportunidade para poñer en valor o papel da lingua na creación audiovisual”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o papel dos Premios Mestre Mateo “para proxectar socialmente e mostrar cara ao exterior o talento, a capacidade e a calidade do audiovisual galego”.

Arias realizou estas declaracións nun acto organizado na cidade pola Academia Galega do Audiovisual dentro da programación dos premios, protagonizado pola lingüista e tradutora Rosa Moledo, que recibirá o Premio de Honra, e polos actores Trisha Fernández e Federico Pérez, encargados de conducir a gala.

A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase o 21 de marzo no auditorio Fuxan os Ventos, que o delegado definiu como “un escenario axeitado para a ocasión, construído pola Xunta de Galicia para que a cidade poida acoller eventos desta magnitude”.

Neste sentido, Arias indicou que o apoio da Administración autonómica ao sector cultural reflíctese “na mellora das infraestruturas e no cofinanciamento de proxectos a través de programas de axudas, entre eles moitos dos finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo”.

0.1324999332428