Rubén Arroxo afirma que a moción de censura do PP vai “en contra do sentir cidadán”

O BNG de Lugo participou este xoves na mobilización convocada pola plataforma ‘Transfuguismo Non, Democracia Si’ antes da entrada do pleno municipal de maio do Concello de Lugo, marcado pola moción de censura do PP que será debatida o vindeiro día 7.
O tenente de alcalde do Concello de Lugo destacou a “gran resposta cidadá” destas mobilizacións que, afirma, amosan que “á xente non lle está gustando nada este golpe á democracia, este golpe de Estado municipal”, e destacou a gran participación “nunha cidade como Lugo, na que lembremos sempre que é unha cidade difícil de mobilizar, porque en Lugo somos xente tranquila”.
O portavoz do BNG afirmou que “non se pode entender baixo ningún concepto estas traizóns que aparecen na política, como podemos ver nestes días, e como se desvirtúa totalmente o mandato popular” e asegurou que “é por iso que vemos a miles de veciñas e veciños de Lugo saír en masa a defender a democracia, porque independentemente da ideoloxía que poida ter cada quen, independentemente de a quen lle vote cada quen, a xente que está estes días indignada é porque segue crendo na democracia e segue crendo que os cidadáns son os que teñen que decidir quen lles debe gobernar”.
Para Arroxo, a actitude do PP “é un auténtico escándalo, e máis na situación ética na que se dá, despois de tres falecementos, despois dese escurantismo, e despois de ver como se estaba a falar dunha posible praza que pode ser como o obxecto do que se dá a cambio esta moción de censura”. Arroxo rematou a súa intervención afirmando que “estamos a vivir unha situación totalmente escandalosa, inédita e que dende logo vai totalmente en contra do sentir cidadán”.