Rubén Arroxo, candidato oficial á Alcaldía do Concello de Lugo polo BNG nas eleccións municipais de 2027

LugoXa
A asemblea local do BNG refrendou a candidatura do actual portavoz municipal, que aspira a liderar un novo goberno de progreso na cidade
Asemblea-BNG-Rubén-Arroxo-candidato-á-Alcaldía-de-Lugo-27
21 May 2026

O actual portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, será o candidato da formación nacionalista á Alcaldía de Lugo nas eleccións municipais de 2027 despois de que a súa candidatura fose respaldada pola maioría da asemblea local do BNG celebrada este xoves.

Tras coñecerse o apoio da militancia, Arroxo agradeceu a confianza depositada na súa persoa e asegurou que inicia “un novo reto: conseguir que en 12 meses Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”. O candidato nacionalista afirmou ademais que “desde o BNG aspiramos á alcaldía” e considerou que “é o mellor momento da historia para facelo”.

Durante a súa intervención, Arroxo reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG nos últimos sete anos no goberno municipal, unha etapa que definiu como “7 anos dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo”, nos que, segundo indicou, “conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade”. O candidato asegurou tamén que “o Partido Popular foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos”, algo que, ao seu xuízo, “demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno”.

Arroxo destacou ademais que a maior parte do traballo realizado polo BNG fíxose “escoitando á veciñanza” e avanzou que a formación “seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo”.

O candidato nacionalista acusou tamén ao PP de non priorizar os intereses da cidade e puxo como exemplo a falta de investimentos da Xunta nos últimos 17 anos, citando proxectos paralizados como a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai. Fronte ao que definiu como a “parálise” do Partido Popular para Lugo, Arroxo asegurou que o BNG continuará “traballando por e para os veciños e veciñas, desde o convencemento de que Lugo merece máis”.

No comunicado trasladado polo Consello Local á Asemblea Local do BNG, a organización destacou que Rubén Arroxo representa “o compromiso continuo e exemplar co BNG e co nacionalismo”, salientando a súa traxectoria tanto na oposición como no goberno municipal.

O texto tamén pon en valor a súa capacidade de traballo, o rigor e o liderado demostrado nos últimos anos, así como a capacidade para imprimir “un perfil propio” á acción de goberno do BNG en Lugo cun proxecto “claro e distintivo” para a cidade.

Desde o Consello Local tamén se destacou que Arroxo é na actualidade “o candidato máis coñecido” e “mellor valorado”, unha situación que atribúen ao contacto permanente coa veciñanza e á participación cidadá promovida nas decisións municipais. Ademais, sinalan que soubo achegar estabilidade e liderado ao Concello en etapas complicadas e que mantivo “a serenidade e a temperanza” ante as dificultades políticas vividas nos últimos tempos.

A organización nacionalista pediu finalmente á militancia o apoio total á candidatura de Rubén Arroxo co obxectivo de convertelo “no mellor alcalde para Lugo”.

0.12005591392517