Rubén Arroxo comprométese a modificar o sentido da rúa Murguía

LugoXa
O tenente alcalde e o edil de Infraestruturas Urbanas acordaron coa veciñanza crear novos espazos de convivencia e fomentar un tráfico máis calmado
veciñanza-rúa-Murguía-Lugo
13 Mar 2026

Veciñas e veciños da rúa Murguía de Lugo mantiveron unha xuntanza co tenente alcalde, Rubén Arroxo, e co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, na que se acordou elaborar un proxecto para “mellorar a seguridade da rúa e seguir avanzando na cidade dos 5 minutos, creando novos espazos de convivencia e apostando por un tráfico máis calmado”.

A veciñanza trasladou tamén a proposta de modificar o sentido da rúa co obxectivo de mellorar a mobilidade e a conexión do barrio co resto da contorna. Tras analizar a proposta, acordouse levar a cabo este cambio, polo que nos próximos meses procederase á modificación do sentido de circulación desta rúa para facilitar os desprazamentos e reforzar a conexión do barrio.

Rubén Arroxo destacou que esta xuntanza segue a liña de traballo da Tenencia de Alcaldía, coñecendo de primeira man as propostas e necesidades do tecido asociativo da cidade. “Traballamos para seguir mellorando a cidade”, afirmou Arroxo, que engadiu que “desde o Goberno estudamos todas as propostas traballando sempre para mellorar os espazos públicos de Lugo”.

A área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida por Rubén Arroxo, encárgase de servizos fundamentais para toda a veciñanza, como o calmado do tráfico, “unha das principais reclamacións das veciñas e veciños de Lugo”, explicou. O Tenente Alcalde destacou que “nos últimos anos avanzamos enormemente nesta cuestión, incluíndo esta rúa, onde realizamos múltiples intervencións para mellorar a seguridade viaria”, e engadiu que “seguimos traballando para continuar a aumentar a seguridade viaria nas zonas urbanas e periurbanas”.

0.11852407455444