Rubén Arroxo defende en Navarra políticas públicas para promover as linguas minorizadas

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou esta fin de semana en Pamplona no encontro europeo 'Locals take the lead', centrado nas políticas progresistas desenvolvidas desde as entidades locais. Arroxo interveu nunha mesa de debate sobre as medidas municipais para promover as linguas minorizadas, na que compartiu experiencias con representantes políticos doutros territorios europeos.
Durante a súa intervención, Arroxo presentou iniciativas impulsadas polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal de Lugo, entre elas o programa 'Enredando co Galego', unha experiencia de inmersión lingüística dirixida ao alumnado de Educación Secundaria.
Tamén expuxo as actividades desenvolvidas en colaboración con Alianza Lugo pola Lingua, un colectivo que reúne diferentes entidades co obxectivo de impulsar medidas para fomentar o uso do galego.
Intercambio de experiencias europeas
Na mesa participaron tamén o alcalde de Leitza, David Anaut, de EH Bildu, e Bróna Haughey, concelleira do distrito de Armagh City, Banbridge e Craigavon, en Irlanda do Norte, polo Sinn Féin.
O encontro contou ademais coa presenza doutros representantes locais europeos, entre eles o alcalde de Tafalla, Xabier Alkuaz; Lasse Olsen, concelleiro en Aalborg (Dinamarca), e Silvia Hable, concelleira de Die Linke en Witzenhausen (Alemaña).
As xornadas teñen como obxectivo facilitar o intercambio de experiencias entre representantes municipais de distintos países e abordar políticas públicas orientadas a mellorar os servizos, fomentar a participación cidadá e dar resposta ás necesidades da veciñanza.