Rubén Arroxo e Cristina López escoitan as demandas da veciñanza de Galegos

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron o local da Asociación de Veciños de Galegos co obxectivo de coñecer o seu estado actual e recoller de primeira man as peticións e necesidades trasladadas polos veciños e veciñas.
Durante a visita, estiveron acompañados pola presidenta da asociación, outros membros do barrio e técnicos municipais, que puideron avaliar sobre o terreo as cuestións expostas e analizar posibles actuacións de mellora. O encontro permitiu coñecer en detalle a situación do local e as demandas principais da veciñanza usuaria deste espazo.
Os locais sociais son propiedade da Tenencia de Alcaldía, que mantén un contacto constante coas distintas asociacións veciñais da cidade para facer seguimento do seu estado e garantir que dispoñan dos recursos necesarios para o correcto desenvolvemento da súa actividade. O obxectivo é asegurar o benestar das persoas usuarias e que estes espazos continúen a ser puntos de encontro e dinamización social nos barrios.
Rubén Arroxo destacou que “os locais sociais son fundamentais para facer barrio e fortalecer o tecido asociativo, polo que dende a Tenencia de Alcaldía mantemos unha comunicación permanente coas asociacións para coñecer de primeira man calquera necesidade e actuar con axilidade”. O tenente alcalde engadiu que “o diálogo directo coa veciñanza e coas directivas é clave para garantir que estes espazos estean nas mellores condicións posibles e respondan ás necesidades reais do barrio”.
Pola súa banda, Cristina López lembrou que desde a Área de Participación se traballa activamente na dinamización destes espazos, dotándoos de programación estable ao longo do ano. Así, impártense cursos e obradoiros de distintas temáticas como cestería, poda, repostería e outras propostas formativas que fomentan a participación, a aprendizaxe e a convivencia entre veciños e veciñas.
Deste xeito, a Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso co movemento asociativo e co mantemento dos locais sociais como espazos vivos, útiles e adaptados ás necesidades da cidadanía.