Rubén Arroxo presenta a súa candidatura á Alcaldía de Lugo co respaldo de Ana Pontón

Rubén Arroxo presentou a súa candidatura á Alcaldía de Lugo nun acto público celebrado na Praza Maior, onde estivo acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e polo responsable de Galiza Nova, David Díaz. O actual portavoz nacionalista asegurou asumir este reto “con toda a ilusión do mundo” co obxectivo de que “no 2027 Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”.
Durante a súa intervención, Ana Pontón amosouse convencida de que as próximas eleccións municipais marcarán un cambio de ciclo na cidade. “Permitídeme que vos faga un prognóstico con total convencemento: dentro de once meses e trece días, Lugo fará historia, Lugo demostrará a súa dignidade apostando por un goberno liderado polo BNG con Rubén Arroxo como alcalde”, afirmou ante os asistentes.
A líder nacionalista defendeu que o Bloque está preparado para asumir a responsabilidade de gobernar Lugo porque conta cunha combinación que definiu como gañadora: un candidato con experiencia, liderado e coñecemento da cidade, e un proxecto político pensado para o futuro. Segundo destacou, o BNG dispón “do mellor candidato e do mellor proxecto para construír un Lugo en grande”, polo que afronta a cita electoral “con humildade, pero tamén coa máxima ambición”.
Pontón puxo en valor o papel desempeñado polo BNG no goberno municipal durante os últimos anos, subliñando a estabilidade, seriedade e rigor que, ao seu xuízo, a formación achegou á cidade. Neste sentido, contrapuxo esta actitude á doutras forzas políticas, ás que acusou de utilizar Lugo como plataforma para proxectos persoais.
Fronte a esa situación, asegurou que Arroxo representa un modelo diferente, baseado no compromiso coa cidade. “Non quere servirse de Lugo, senón servir a Lugo”, afirmou, ao tempo que o definiu como a persoa máis preparada para liderar o municipio grazas ao seu coñecemento do territorio e ao seu compromiso exclusivo coa veciñanza lucense.
A portavoz nacional do BNG destacou tamén os resultados das políticas impulsadas pola formación desde as áreas de goberno que dirixe. Segundo explicou, o traballo realizado por Arroxo e o seu equipo contribuíu a construír unha cidade máis humana, segura e cohesionada, cunha aposta pola mobilidade sostible, a humanización dos espazos públicos, a dinamización do comercio local e unha ampla programación cultural.
“O BNG foi o auténtico motor de avance e transformación de Lugo e agora estamos preparadas para liderar esta cidade con forzas renovadas cando dentro dun ano se celebren as eleccións municipais”, afirmou Pontón, quen insistiu en que o Bloque representa unha alternativa real para todas aquelas persoas que desexan un novo impulso para a cidade.
A dirixente nacionalista reivindicou ademais a política “limpa e honesta” da súa organización e comprometeuse a non defraudar ás persoas que depositan a súa confianza no proxecto do BNG. Segundo indicou, o obxectivo é construír “un Lugo mellor no económico, no social e no cultural”, cun modelo baseado na mellora dos servizos públicos, o benestar social, a inclusión, a vitalidade económica e a defensa dos intereses da cidade por riba de calquera consideración partidista.
Pontón concluíu asegurando que o BNG ten claro o camiño para acadar ese obxectivo e mostrou a súa confianza en que, co liderado de Rubén Arroxo e o apoio da cidadanía, a formación nacionalista poida liderar o próximo goberno municipal de Lugo.