Rubén Arroxo presenta a súa candidatura para liderar a lista do BNG en Lugo nas municipais de 2027

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, rexistrou a súa candidatura para encabezar a lista nacionalista nas eleccións municipais de 2027. Arroxo presentou a candidatura acompañado polo responsábel local da organización, Antón Bao, así como polas concelleiras e concelleiros do BNG na cidade e polas deputadas Olalla Rodil e Montse Valcárcel.
Durante a presentación, Rubén Arroxo afirmou que “no 2027 a veciñanza demostrará que Lugo non paga traidores” e asegurou que “as urnas demostrarán que a veciñanza está en contra do transfuguismo e mandarán ao PP de novo á oposición”.
O candidato nacionalista reivindicou tamén o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal, defendendo que “foron 7 anos dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo”, nos que, segundo indicou, “conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade”.
Arroxo sostivo ademais que o Partido Popular “foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos”, algo que, ao seu xuízo, “demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno”.
O portavoz nacionalista asegurou tamén que “a inmensa maioría do traballo que fixemos sempre o fixemos escoitando á veciñanza” e avanzou que o BNG “seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo”.
Segundo explicou, a formación abre agora “un novo escenario e un novo reto: conseguir que en 12 meses Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”, concluíndo que “o BNG aspira a acadar a alcaldía porque é o mellor momento da historia para facelo”.
Rubén Arroxo criticou ademais a falta de investimentos da Xunta de Galicia durante os últimos 17 anos e puxo como exemplo a paralización de proxectos como a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai. Fronte ao que cualificou como “parálise” do PP para Lugo, asegurou que o BNG continuará “traballando por e para os veciños e veciñas, desde o convencemento de que Lugo merece máis”.
Pola súa banda, Antón Bao explicou que o prazo de presentación de candidaturas remata este xoves 14 e destacou que “o proceso de elección do candidato do BNG é aberto e democrático”. Ademais, indicou que a asemblea local da formación reunirase durante o mes de maio para escoller a cabeza de lista de cara ás eleccións municipais de 2027. A proposta aprobada pola Asemblea Local será posteriormente refrendada polo Consello Comarcal e polo Consello Nacional do BNG.