Rubén Arroxo presentará a súa candidatura á Alcaldía de Lugo o mércores, 10 de xuño, nun acto público

O BNG convoca á veciñanza de Lugo ao acto público de presentación de Rubén Arroxo como candidato á Alcaldía de Lugo de cara ás eleccións municipais de maio de 2027.
O acto, que terá lugar na praza Maior o vindeiro mércores a partir das 20.00 horas, contará coas intervencións de Rubén Arroxo, candidato á alcaldía, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e David Díaz, responsable local de Galiza Nova.
Rubén Arroxo convidou a toda a veciñanza de Lugo a asistir a este acto "onde iniciaremos o camiño para devolverlle a Lugo o que leva anos elixindo, un goberno de progreso que a partir de maio de 2027 estará liderado polo BNG", afirmou.
O BNG, baixo o lema 'Pola dignidade de Lugo', traballará durante o vindeiro ano "para facer historia e conseguir a Alcaldía de Lugo" despois do "golpe de estado municipal" protagonizado polo Partido Popular apoiado nunha concelleira tránsfuga.
Arroxo reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal, asegurando que foron 7 anos "dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo", nos que "conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade". O candidato nacionalista sinalou ademais que "a inmensa maioría do traballo que fixemos sempre o fixemos escoitando á veciñanza", e avanzou que o BNG "seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo".
Arroxo dixo que "o Partido Popular foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos", e asegurou que "iso demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno". Rubén Arroxo afirmou que ao PP non lle importa Lugo e afirmou que o PP supuxo unha "parálise" para a cidade, "desde o BNG imos seguir traballando por e para os veciños e veciñas".