Rubén Arroxo reivindica o compromiso do BNG con Lugo nunha carta aberta á veciñanza

LugoXa
O portavoz nacionalista agradece o apoio recibido durante os últimos anos e asegura que o Bloque seguirá traballando “para que Lugo siga avanzando”
Rubén-Arroxo-BNG-de-Lugo
19 May 2026

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, remitiu unha carta aberta ás veciñas e veciños de Lugo que será distribuída nos fogares da cidade nos próximos días e na que agradece o apoio recibido durante os últimos anos, ao tempo que reafirma o compromiso da formación nacionalista coa cidade e co seu futuro.

Na misiva, Arroxo asegura que “poder servir a Lugo durante estes sete anos foi un enorme orgullo” e traslada o seu agradecemento á cidadanía pola “colaboración, a boa acollida e a aposta” polo proxecto do BNG no Concello.

O portavoz nacionalista destaca tamén o vínculo persoal e emocional que mantén coa cidade, afirmando que “poucas cousas hai tan gratificantes como poder traballar cada día polo concello no que naciches, no que te criaches e no que queres poder vivir sempre”.

Na carta, Arroxo fai referencia á situación política vivida nas últimas semanas e lembra que a cidadanía decidiu nas eleccións municipais de maio de 2023 a continuidade do goberno existente na cidade. Neste contexto, lamenta que “o Partido Popular decidise levar adiante unha operación de transfuguismo, aproveitándose das desgrazas humanas que aconteceron neste mandato”.

A través desta iniciativa, o portavoz do BNG quixo trasladar unha mensaxe de continuidade e optimismo político, asegurando que “esteamos onde esteamos, imos seguir traballando para que Lugo siga avanzando”. Ademais, puxo en valor os avances acadados na cidade durante os últimos anos, que cualificou de “importantísimos”.

Arroxo aproveitou tamén a carta para pedir desculpas “por calquera erro que puidésemos cometer”, asegurando que desde o Goberno municipal “sempre intentamos facer todo coa máxima ilusión pola nosa cidade”.

O portavoz nacionalista remata a súa mensaxe reafirmando o compromiso do BNG coa veciñanza e co futuro de Lugo, asegurando que “aquí estamos para o que precisedes” e expresando a súa confianza en volver liderar o proxecto municipalista da formación. “Nun ano, co voso apoio, estaremos de volta para que Lugo siga a camiñar cara adiante”, conclúe.

A publicación desta carta prodúcese na véspera da asemblea na que Rubén Arroxo será nomeado candidato do BNG á alcaldía de Lugo nas próximas eleccións municipais.

0.11740493774414