Rueda anuncia a licitación do último tramo da autovía entre Lugo e Sarria

LugoXa | SarriaXa
A intervención, que conta cun investimento público de 37,7 millóns de euros, permitirá actuar nun treito de 13,5 quilómetros, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao
licitacion-autovia-lugo-sarria
26 Dec 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a licitación do último treito da autovía que unirá Lugo e Sarria, a AG-22, suporá un eixo estratéxico de conectividade. “Vai vertebrar todo o sur da provincia de Lugo. Ter infraestruturas ben deseñadas e modernas supón vantaxes a nivel de rapidez, de comodidade e de seguridade”, salientou.

Así o manifestou, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, coincidindo coa licitación das obras deste segundo e último tramo, as correspondentes ao desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao. Tal e como explicou, o prazo de presentación de ofertas de empresas á licitación remata o 30 de xaneiro, mentres que “o prazo de execución das obras é de 36 meses” e a previsión é iniciar as obras “a inicios do segundo semestre de 2026”.

A intervención, que conta cun investimento público de 37,7 millóns de euros, permitirá actuar nun treito de 13,5 quilómetros, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo. Entre as intervencións singulares previstas están os enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento de vía baixo a autovía A-54, a execución de dous viadutos no río Chamoso e no de Neira ou a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.

Este novo paso para converter o actual corredor nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Ofrecerá unha condución moito máis lineal, cómoda e previsible, reducindo significativamente os tempos de percorrido entre a capital e a comarca de Sarria, ao tempo que facilitará unha conexión moito máis eficiente cos grandes eixes de comunicación nacionais, como a A-6 e a A-54, que conflúen no nó de Nadela.

Neste sentido, espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo –estímase que circulen por ela máis de 8.000 vehículos ao día–.

Así mesmo, o presidente vinculou esta actuación coa estratexia integral que a Xunta está a despregar en toda a provincia, facendo referencia á presentación da nova Variante Leste de Viveiro feita esta mesma semana ou á modernización da estrada cara a Ourol.

Este esforzo en novas obras virá acompañado dunha política de conservación rigorosa, para a que se destinará en 2026 unha cifra récord de 71,6 millóns de euros destinada a manter os 5.500 quilómetros da rede viaria autonómica nas mellores condicións.

Ademais, o presidente salientou o traballo que está a realizar a Xunta “para vertebrar Galicia” e destacou que “máis do 90% da poboación está unha distancia curta de vías de altas prestacións e libres de peaxe”.

⚙ Configurar cookies
0.084071159362793