Rueda aposta en Lugo pola adopción responsable en Galicia
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, amósase convencido de que, se cada vez que son chamados ás urnas, os lucenses apostan maioritariamente pola súa formación é porque o Partido Popular sempre cumpre con Lugo, com así destacou durante a súa visita ao San Froilan. Ademais, Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a aposta da Xunta pola adopción responsable e o benestar dos animais de compañía en Galicia. Na súa intervención no acto polo 25 aniversario do Hospital Veterinario HA en Lugo, Rueda recalcou que a Xunta de Galicia está atenta aos cambios que se producen nunha sociedade que “evoluciona”, e que o aumento dos animais de compañía na comunidade, en sintonía co que acontece no resto de España, require dun acompañamento por parte das institucións públicas.
Ademais, para atender aos centos de miles de familias galegas que contan cun animal de compañía son “imprescindibles instalacións coma esta” con “magníficos profesionais”. Nesta liña, o presidente da Xunta recordou que unha das medidas ás que se comprometeu para os 100 primeiros días de Goberno foi “asumir os primeiros gastos veterinarios” e de identificación á hora de adoptar. De feito, a Administración galega orzamentou este ano 125.000 euros para esta medida, que pretende promover as adopcións de cans e gatos que se atopen nos 39 centros de recollida autorizados en Galicia.
Na mesma liña, incidiu en que este ano a Xunta tamén destinou 450.000 euros en axudas para “seguir colaborando” con entidades locais e asociacións protectoras de animais que se dedican ao coidado dos animais domésticos abandonados. Alfonso Rueda anunciou ademais que a Xunta de Galicia iniciará o vindeiro ano os trámites para construír un centro de titularidade autonómica para a recollida de animais de compañía en situación de abandono ao tempo que continuará traballando para dotar ás sete cidades galegas de parques caninos, áreas seguras para animais e familias.