Rufo Lucero amplía o seu contrato co CD Lugo ata 2028

O Club Deportivo Lugo e Rufo Lucero acordaron estender a relación contractual do futbolista por unha tempada máis, polo que o defensa continuará na entidade albivermella ata 2028. O seu contrato remataba ao final da presente campaña.
O lateral dereito, de 24 anos e nacionalidade arxentina, incorporouse ao equipo o pasado verán para reforzar a defensa. Desde a súa chegada, converteuse nunha peza habitual nos plans de Borja Fernández e nun dos xogadores destacados do cadro lucense nesta primeira parte da competición.
Lucero participou nos 13 encontros de Liga disputados ata o momento, completando todos os minutos posibles. O seu rendemento e a rápida adaptación ao equipo, tanto nas tarefas defensivas como nas achegas ofensivas, favoreceron o acordo entre o xogador e a entidade para prolongar o seu compromiso.
Con esta renovación, o CD Lugo asegura a continuidade do lateral na banda dereita do Anxo Carro durante, polo menos, as dúas próximas tempadas.
Esta confirmación súmase á renovación de Pablo Parrilla, anunciada previamente polo club. O centrocampista galego, de 23 anos, tamén ampliou o seu contrato ata 2028, despois de disputar como titular os once encontros de competición nos que participou. Parrilla chegou ao Anxo Carro o pasado verán para afrontar a súa primeira experiencia en Primeira Federación e gañou protagonismo nos plans de Borja Fernández desde o comezo da tempada.