Sabela, cantante de Ourol: “Para min a música é unha necesidade”

LugoXa | AMariñaXa
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, actúa esta noite na Sala Clavicémbalo de Lugo por primeira vez na súa traxectoria na música
Sabela-cantante-do-Ourol
25 Oct 2024

Por Jessica Fernández

Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, actúa esta noite na Sala Clavicémbalo de Lugo por primeira vez na súa traxectoria na música. “Teño moitas ganas, porque ao ser a primeira vez, apetéceme moito estar nunha cidade con tanta historia e cultura e nunha sala tan mítica como o Clavi”, destaca. Ademais, espera que haxa moita afluencia de xente “porque desfruto de cada concerto que fago, nunca hai un igual”.

De Bravos, Ourol, é unha cantante e compositora que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo no ano 2018, aínda que leva toda a vida ligada á música, xa que comezou tocando a gaita con 6 anos e con no conservatorio con 7 , cursando o grao medio de clarinete. Con 16 anos empezou no mundo artístico ao formar parte do música tradicional galega, Muxarega, e tamén colaborou co acordeonista Andrés Penabad.

Con respecto aos seus estudos, marchou a estudar á Coruña, onde estudou Terapia Ocupacional e, logo, decidiu especializarse cun máster en musicoterapia, que fixo en Vitoria, mentres ía a clases de canto impartidas por Rosa Cedrón.

Na súa traxectoria individual, formou o dúo Bahut xunto ao guitarrista Mateo Bruquetas, co que realizaba actuacións en pequenos locais, vodas e, mentres, preparaba o lanzamento dun disco antes da súa entrada en Operación Triunfo. Despois dese fito na súa carreira, en 2019 sacou o seu primeiro álbum ‘'Despedida’, no que mestura cancións en galego con temas en castelán.

SABELA, NA INTIMIDADE

A cantante e música de Ourol, que agora vive entre Viveiro e Madrid, di que se sente moi orgullosa das súas orixes, xa que “nacín e crecín en Ourol e nas Pontes, así como gran parte da miña familia é de Viveiro, polo que crecín na Mariña lucense e rodeada de natureza e nunha comunidade na que había moita actividade cultural. Para min, o que lle dá sentido ás festas é a música. Ademais, na miña familia tamén hai artistas e iso lévoo comigo e influíume a ser quen son”, sostén.

Por outra banda, destaca que, para ela, a música non é unha afección, senón que é “unha necesidade. Dun xeito ou doutro, desde pequena estou ligada á música e aínda que non estivera na industria musical, sempre estaría involucrada na música, porque é parte da miña identidade e levareina comigo á tomba”, subliña.

Agora, coa xira de concertos que está a facer arredor de diferentes localizacións en Galicia, vemos que non hai ningunha parada na Mariña, polo que, ao ser preguntada por se lle gustaría facer algún concerto na súa zona, responde que lle encantaría. “Eu encantada de tocar ao lado da casa, supoño que é máis doado porque estás coa xente que te coñece. Porén, eu sempre me poño nerviosa nos concertos porque quero conseguir que a xente desfrute e marche cunha experiencia positiva. Cada concerto é unha experiencia única e ningún é igual. Pero si, oxalá poidamos ir algunha vez a actuar na Mariña”, sostén Sabela.

‘HI, MY LOVE’, A XIRA

En Lugo, Sabela presentará o seu novo tema ‘Eu Espero Aquí’, unha proposta ambiciosa de levar o seu xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. ‘Eu Espero Aquí’ é o segundo traballo en conxunto na produción entre Sabela e Ed Is Dead. Ed é un recoñecido e prestixioso DJ e produtor de música electrónica a nivel internacional.

Nesta ocasión, ademais da produción xunto a Ed, Sabela traballou na composición xunto á súa compañeira de edición en Operación Triunfo, África. A artista de Ourol destaca a admiración pola forma de construír melodías da súa compañeira, coa que comezou a compoñer esta canción fai tempo, e que despois adaptou para levala ao galego e baixo ese toque electrónico tan característico de Ed Is Dead.

Este sinxelo é o segundo adianto, tras ‘Hi, My Love’, do seu novo Extended Play (EP), que é como se coñecen actualmente aos álbums musicais. Este espera ver a luz en medio a finais deste ano 2024.

Sabela cualifica dos concertos que formaron parte da xira ‘Hi, my love’ ata o de agora como “moi bos” e di estar “moi contenta con esta nova etapa, que é un pouco máis cañera, aínda que quedan moitos temas por saír”. E valora positivamente a acollida do público, xa que di que “á xente gústalle esta nova versión e estao desfrutando moito e fanmo chegar. Esta nova versión mantén a miña esencia, pero ten bastante máis enerxía a nivel de movemento e texturas musicais. Con esta inspiración de pop electrónico, ofrece e unha enerxía renovada e viva”, argumenta.

Con respecto aos proxectos futuros, di que agora está “moi centrada en sacar este álbum a finais de ano” e despois, a medio-longo prazo di que quere facer un tema musical para algunha serie ou película. “Gustaríame probar a poñerlle música, unha canción especial, a unha película. A música que fago dá bastante pé a utilizala en cine, xa que utilizo texturas e podería encaixar en calquera película; a música é arte. Sería bonito facer unha canción que forme parte da banda sonora ou da cabeceira dunha película, pero véxoo como unha idea de futuro”, conclúe Sabela.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18750309944153