Sachas gaña en Castropol unha esixente terceira xornada da LNB NorLeste

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O palanador de Troitas Bravas impúxose con 22 puntos nunha competición marcada polo forte vento, mentres Billardeiros Musicais logrou a súa terceira vitoria consecutiva por equipos
billardeiros-musicais-billarda-castropol
27 Oct 2026

Por Daniel Rodríguez Saavedra

Castropol acolleu o 25 de outubro a terceira xornada da LNB NorLeste, unha das citas máis complicadas da tempada. Nesta ocasión, a competición disputouse en seco, pero o forte vento racheado dificultou os lanzamentos e puxo a proba os 57 palanadores participantes. Só seis deles conseguiron alcanzar os 20 puntos.

Sachas, do equipo Troitas Bravas, foi o vencedor da categoría absoluta cun total de 22 puntos. Charli, de Carabullo, e Morás, de Madia Leva, ocuparon a segunda e a terceira posición, respectivamente, ambos con 21 puntos.

Na categoría feminina, Antía, de Troitas Bravas, celebrou a súa estrea na categoría cun primeiro podio. Cris, de Castiñeiro Milenario, foi segunda, mentres que Aroa, de Billardeiros Musicais, rematou terceira.

A competición infantil volveu ter como protagonistas a Mateo e Martín, de Troitas Bravas, que conseguiron o primeiro e o segundo posto. Mateo Lesmes, de Madia Leva, completou o podio.

Por equipos, Billardeiros Musicais, de Ribadeo, mantivo o seu bo momento de forma e sumou a terceira vitoria consecutiva. O conxunto ribadense lidera a clasificación con 248 puntos, por diante de Troitas Bravas, da Pontenova, que acumula 234, e de Madia Leva, de Lugo, con 231.

Na clasificación individual xeral, Félix e Markytos, ambos de Billardeiros Musicais, comparten o liderado con 65 puntos cada un. Morás, de Madia Leva, ocupa a terceira posición con 61 puntos.

Na categoría feminina, Cris, de Castiñeiro Milenario, encabeza a clasificación con 38 puntos. Dori, de Billardeiros Musicais, é segunda con 30, e Aroa, tamén do equipo ribadense, sitúase terceira con 27.

Entre os infantís, Mateo, de Troitas Bravas, lidera a clasificación con 54 puntos, seguido de Martín, do mesmo equipo, con 28, e de Mateo Lesmes, de Madia Leva, con 21.

A entrega de agasallos aos gañadores puxo o broche final a unha dura xornada que, unha vez máis, puxo a proba a resistencia da «serpe multicolor» da LNB. A próxima cita da competición será en Lugo o 15 de novembro, nunha nova xornada para seguir impulsando a billarda.

0.17070913314819