Sagrado Corazón acolleu unha reunión para definir o futuro modelo de transporte público urbano

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro con veciñas e veciños do barrio do Sagrado Corazón co obxectivo de continuar recompilando as necesidades reais da cidadanía en materia de mobilidade. Esta reunión enmárcase no proceso participativo aberto pola Tenencia de Alcaldía para definir o futuro modelo de transporte público urbano.
A iniciativa chega nun contexto no que o autobús urbano acadou un fito significativo ao superar por primeira vez en 2025 as 10.000 persoas usuarias nun único día. Segundo explicou Arroxo, a intención do goberno local é consolidar esta cifra como habitual e continuar promovendo o uso do transporte colectivo na cidade.
O novo contrato do servizo incluirá a posibilidade de incrementar a quilometraxe co paso do tempo, tendo en conta as previsións de crecemento urbano. Esta medida permitirá adaptar as liñas ás novas áreas residenciais que poidan desenvolverse e asegurar que o transporte público chegue ás futuras vivendas.
Entre as liñas de actuación prioritarias destacan a mellora das conexións entre barrios, a simplificación dos transbordos, o establecemento dunha frecuencia mínima de 30 minutos en todas as rutas e a redución dos tempos de espera nos principais eixos urbanos, onde na actualidade os autobuses pasan cada 12 minutos.
Arroxo asegurou que o proceso participativo continuará aberto, coa celebración de novos encontros coa veciñanza para recoller propostas e avanzar cara a un modelo de transporte público máis adaptado á realidade e ás demandas da cidade.