Salvemos Lugo denuncia o boicot á súa páxina tras ser bloqueada polo número de visitas

A plataforma veciñal e apolítica Salvemos Lugo asegurou que a súa páxina de Facebook acadou 80.000 visitas en apenas tres días, grazas á difusión de imaxes que amosan, segundo indican, o estado de deterioro da cidade e ás achegas realizadas por centos de veciños e veciñas.
Segundo explican desde o colectivo, o éxito desta iniciativa, baseada na denuncia colectiva e na participación cidadá, provocou a reacción dun grupo ao que cualifican de “radicais”, que tería organizado un boicot contra a páxina ata lograr a súa suspensión temporal. Ante esta situación, as asociacións de veciños integradas na plataforma condenaron o que consideran un ataque á liberdade de expresión.
Desde Salvemos Lugo sinalan que continuarán coa súa actividade reivindicativa e cuestionan quen pode sentirse molesto polas súas demandas, entre as que citan a creación dunha protectora de animais, a habilitación dunha praia fluvial, a mellora do estado do pavimento, o coidado dos barrios ou a reparación de infraestruturas como estradas e carrís bici.
A plataforma tamén chama á reflexión sobre os métodos empregados para, ao seu xuízo, silenciar a voz veciñal, e defende o dereito da cidadanía a expresarse libremente e a esixir melloras para a cidade. Neste sentido, aseguran que non pedirán permiso para denunciar o que consideran deficiencias en Lugo, como o deterioro das rúas, do mobiliario urbano, das instalacións deportivas, o abandono do rural ou a situación do comercio e da cultura.
O colectivo sostén que a cidade leva anos sen un plan de traballo “serio” e reivindica o papel da veciñanza na defensa dos intereses comúns. Ademais, agradece a colaboración das persoas que enviaron fotografías e propostas, e reafirma a súa intención de seguir traballando baixo o lema de “levantar a cidade”.