Samuel Lema sobe ao podio nacional tras proclamarse terceiro de España nos 200 bolboreta

O nadador Samuel Lema Castro asinou unha brillante actuación no Campionato de España Alevín, disputado en Cádiz, ao proclamarse terceiro de España na proba dos 200 metros bolboreta, conseguindo así unha valiosa medalla de bronce.
Samuel comezou a xornada clasificándose para a final co quinto mellor rexistro das eliminatorias. Xa pola tarde, mellorou aínda máis a súa prestación para finalizar na terceira posición cun tempo de 2:39.36, un resultado que lle permitiu subir ao podio nacional.
A representación do club completouse coa participación de Pablo Abuín, que competiu nos 400 metros libres e conseguiu unha nova Mellor Marca Persoal. Pola súa banda, Martín Fouz tomou parte nos 200 metros braza, mentres que Xian Fernández participou tamén nos 400 metros libres, completando ambos unha destacada actuación no campionato.
Con esta última xornada, o equipo puxo punto final á súa participación no Nacional Alevín cun balance moi positivo, marcado polos bos resultados, a experiencia adquirida e a evolución dos seus deportistas ao longo da competición.
Desde o club quixeron felicitar aos catro nadadores polo traballo realizado, así como ás súas familias polo apoio constante e ao adestrador Iván Balboa, recoñecendo o labor desenvolvido durante toda a tempada.