San Paio de Narla celebrará o Día das Mulleres Rurais da Rede Museística

LugoXa | TerraChaXa
O programa xirará arredor da actualización do proxecto museolóxico SoTERRAdas, coa incorporación de novas pezas de mulleres artistas recentemente adquiridas
exposicion-mulleres-san-paio-de-narla
14 Oct 2025

O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data proclamada pola ONU para recoñecer o papel esencial que as mulleres do medio rural desempeñan no presente e no futuro das nosas sociedades.

A Rede Museística súmase a este efeméride global cunha xornada no Museo Fortaleza de San Paio de Narla de Friol (18.00 horas) na que se visibilizará o papel das mulleres como piares da vida no rural e na que se presentarán novos proxectos artísticos arredor desa realidade.

O programa xirará arredor da actualización do proxecto museolóxico SoTERRAdas, coa incorporación de novas pezas de mulleres artistas recentemente adquiridas: A porta fechada de Ana Gil e Piares de Ana Arregui.

Tamén se incorporará de forma definitiva ao Museo o mostra “Mulleres das/nas aldeas”, formado por retratos de familias integradas por distintas xeracións de mulleres vinculadas ao rural e de mulleres migrantes que non medraron no rural pero chegaron a el para provelo de coidados, integrándose na familia e no territorio.

Ademais, farase un recoñecemento ás mulleres protagonistas do proxecto Recolectoras: Memoria e Terra, cuxas historias de vida inspiraron as obras das artistas Ana Gesto, María Car, Isabell Seidel e Andrea Torres.

A xerente da Rede Museística Provincial explicou que “con esta xornada reafirmamos o compromiso dos museos provincias coas mulleres do noso territorio, que vai máis aló do 15 de outubro, e que se reflicte en proxectos culturais, educativos e artísticos de continuidade que recoñecen as mulleres rurais galegas como axentes de cambio, de memoria e de futuro”

O acto pecharase cun recital musicado de Francisco Castro.

Novos proxectos en marcha

O Día Internacional das Mulleres Rurais servirá tamén de presentación de dous novos proxectos que se desenvolverán nos vindeiros meses arredor das mulleres da provincia, onde o rural é unha parte esencial da identidade e do tecido social.

É o caso do proxecto fotográfico “Facedoras de Lugo” da artista viguesa Mar Caldas, que ampliará a serie de obras que vén desenvolvendo sobre o traballo feminino cun percorrido pola provincia de Lugo, poñendo o foco nos traballos relacionados co gando, así como nos labores de coidado.

Seguindo a liña de proxectos anteriores como Facedoras de Bueu ou Facedoras do Baixo Miño, a artista realiza un traballo de recollida de información para coñecer espazos, ferramentas e contextos laborais que lle permiten despois facer fotografías cunha composición de carácter teatral e pictórico.

Outra das iniciativas en marcha é “As que contan. A tradición dunha muller rural galega. Natureza, coidado e cultural” coordinado por Carmen Porteiro e no que a Rede Museística está a traballar co alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, do Conservatorio de Música Xoán Monte e do alumnado da Escola Oficial de Idiomas, para crear contos e novelas gráficas que teñan como protagonistas a personaxes femininas do rural.

⚙ Configurar cookies
0.071586847305298