San Paio de Narla e o Pazo de Tor acollen unha xornadas que combinan historia e gastronomía

LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
Inclúen mesas redondas, relatorios, demostracións de cociña e dinámicas participativas pensadas para analizar como a alimentación constrúe identidade colectiva
cultura-que-da-luz-friol-e-monforte
26 Mar 2026

A Rede Museística Provincial prepara un encontro centrado na gastronomía como patrimonio cultural, que se celebrará os días 7 e 8 de abril no Pazo de Tor e no Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

As xornadas, que se desenvolverán baixo o epígrafe Cultura que dá luz. Encontros de Saberes Compartidos, inclúen mesas redondas, relatorios, demostracións de cociña e dinámicas participativas pensadas para analizar como a alimentación constrúe identidade colectiva, revela estruturas sociais e desigualdades e está profundamente ligada ao territorio e á paisaxe cultural.

A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago presentaron o programa das xornadas, que contarán coa participación de profesionais do ámbito gastronómico, académico e cultural, como Lucía Freitas, cociñeira e propietaria da Tafona (Compostela), que fará unha demostración de cociña con receitas recuperadas do arquivo da RMPL. Tamén estarán Montse Castiñeira, cociñeira e propietaria de A Taberna de Montse (Órrea, Riotorto); Begoña Vázquez, cociñeira do Regueiro da Cova; Ángeles Romero, catedrática do Pan e do Cereal da USC; o xornalista gastronómico Miguel Vila ou o historiador e escritor Xavier Castro, entre outros perfís.

A participación nas xornadas, gratuíta e con servizo de bus desde Lugo, require inscrición previa no correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com. Dado que as prazas son limitadas, recoméndase facelo con antelación, tendo a flexibilidade de anotarse ao programa completo de dous días ou, se se prefire, a unha única xornada de xeito individual.

PROGRAMA

As mans invisibles A muller na construción da identidade gastronómica desenvolverase o martes, 7 de abril, das 15:00 ás 20:00 horas no Museo Fortaleza San Paio de Narla de Friol.

A primeira parte será de Cociña aberta con Lucía Freitas (A Tafona), cun showcooking e degustación de receitas históricas recuperadas dos arquivos da RMPL.

A segunda é unha Mesa de debate moderada por Encarna Lago voa participación de Lucía Freitas, Montse Castiñeira, Chelo López, Ángeles Romero, Eva Cabanelas e participantes do Programa de Arte e Benestar.

O segundo encontro, Desigualdade e memoria A comida como marcador de clase social ao longo da historia será o mércores 8 de abril, das 10:00 ás 15:00 horas no Pazo Museo de Tor (Monforte de Lemos).

A mesa redonda estará moderada por Leonardo Casado, con Xavier Castro, Miguel Vila Pernas, Rocío Carregal, Marcos Arufe, Begoña Vázquez, Esther Teixeiro, Xosé Figueroa e Ángeles Rivada.

A segunda parte,  Tres mesas, tres mundos” é un showcooking-degustación que recrea tres realidades sociais: a mesa pacega (carne de caza, viño, especias), a mesa popular rural (caldo, centeo, pataca) e a mesa da inmigración (millo, azucre, café).

0.13512301445007