San Román de Cervantes acollerá este sábado a sexta Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou a sexta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña xunto ao alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín; o tenente de alcalde, Miguel González Vilela; e a presidenta da Asociación Territorio Verde, Sonia Rodríguez Gómez.
A feira celebrarase este sábado 9 de maio en San Román de Cervantes e contará cunha achega de 6.000 euros por parte da institución provincial.
Durante a presentación, Carmela López destacou que esta cita permitirá reunir “o mellor da tradición gandeira e do rural” da comarca da Montaña, ao tempo que puxo en valor o traballo dos gandeiros e gandeiras da zona. A presidenta provincial subliñou a importancia de apoiar o sector con servizos e políticas que permitan manter poboación e actividade económica no territorio.
A mandataria tamén resaltou que esta feira recupera o espírito das antigas feiras tradicionais, nas que o encontro veciñal, o trato directo e as poxas de gando formaban parte esencial da vida social e económica da montaña lucense.
A Asociación Territorio Verde recuperou esta feira no ano 2019 co apoio do Concello, co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e reivindicar o papel histórico destes encontros comerciais na comarca.
O programa da sexta edición arrancará ás 08:00 horas coa recepción do gando e a recollida de credenciais. Ás 10:00 horas terá lugar a votación do xurado nas diferentes categorías do concurso de vacas asturianas e de rubia galega.
A partir das 11:00 horas haberá animación musical cos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros. Ás 12:00 horas celebrarase a tradicional poxa de novellas de ACRUGA e ás 13:30 horas desenvolverase a entrega de premios.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, a música correrá a cargo de Tania e o seu acordeón. A programación continuará ás 19:00 horas cun sorteo de 500 puntos e concluirá ás 20:30 horas co peche da feira.